fbpx



A Casa Consistorial de Poio recibiu durante o verán a preto de 250 peregrinos, que se achegaron ás dependencias do Consistorio para selar a súa acreditación. Maila notarse un descenso con respecto a anos anteriores, motivado polo contexto derivado da crise sanitaria da Covid-19, o tramo da Variante Espiritual do Camiño Portugués, que chega ata o Mosteiro de Meis e pasa por parte do municipio poiense, segue sendo un atractivo importante para os camiñantes. Neste sentido, a concelleira de Turismo, Silvia Díaz, lembra que o seu departamento está a ultimar un proxecto para reforzar e mellorar a sinalización desta Variante, para “darlle un maior pulo e promoción, de cara a continuar consolidándoa como outro dos grandes atractivos do noso concello”.

Foi no mes de agosto cando se rexistrou unha maior presenza de peregrinos. Durante esas semanas, achegáronse a solicitar o selo acreditativo un total de 136 persoas. Agora, en pleno setembro, o número reduciuse, pero segue a haber un ‘goteo’ regular, ata rozar as 30 solicitudes. No que respecta a este mes, Díaz destaca que “preto da metade destes  camiñantes proveñen doutros países”, entre os que se atopan Portugal, Italia, México, Chile ou os Estados Unidos. En canto aos peregrinos nacionais, as procedencias máis habituais foron, durante todo o verán, Madrid, Barcelona, Sevilla, Toledo ou Lleida.

Visitas oficinas turísticas

Por outra banda, as oficinas municipais de turismo, situadas no casco histórico de Combarro, no Casal de Ferreirós e na Casa Museo de Colón, recibiron durante a primeira quincena do mes de setembro a un total de 742 visitantes. Isto supón unha caída dun 28% con respecto ao rexistro correspondente ao 2019, cando demandaron información 1.047 usuarios e usuarias. Neste sentido, a concelleira de Turismo lembra que “a baixada das cifras con respecto ao ano pasado foi unha tónica constante, debido á pandemia, pero, tendo en conta este factor, son uns resultados que demostran que Poio continúa sendo un destino turístico de interese para moita xente”. Ao igual que en xullo e en agosto, practicamente a maioría de visitantes procedían do turismo nacional.

Unha vez máis, Silvia Díaz amosou o seu agradecemento ao sector turístico local, porque “o seu esforzo neste contexto dan difícil é un exemplo a seguir”.