fbpx

A Casa Museo de Colón ve reforzados os seus fondos artísticos, grazas a unha doazón realizada por Francisco de la Fuente Alonso, veciño de Combarro, ao Concello de Poio. Trátase de tres cadros, nos que se representa a Cristóbal Colón e aos Reis Católicos, que De la Fuente realizou tras inspirarse durante unha viaxe realizada a Xénova.

O alcalde, Luciano Sobral, e a concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, recibiron na mañá deste martes ao responsable desta doazón altruísta. Ambos amosaron o seu agradecemento pola iniciativa deste veciño da vila, xa que estes cadros “pasarán a ser un atractivo máis, ademais dun referente visual para as persoas que visiten a Casa Museo de Portosanto”. Ademais, tanto Sobral como Rodríguez lembraron que esta entrega realízase a apenas uns meses de que se cumpran dez anos da inauguración destas instalacións. Para a súa celebración, o Concello ten previsto desenvolver unha variada programación cultural.

A modo de agradecemento, o alcalde fixo entrega a Francisco de la Fuente dun diploma acreditativo, ademais de varios obsequios. O responsable desta doazón, se ben é técnico industrial e profesor de Formación Profesional, desde a súa prexubilación vén desenvolvendo unha importante actividade no que ao deseño artístico se refire, a través da elaboración de obras mediante diferentes técnicas, como gravado, acuarelas ou, máis recentemente, esmaltes.