fbpx

Preto de 30 empresas e autónomos (concretamente, 29) presentaron xa as solicitudes para a obtención da bonificación do 100% da taxa por recollida de lixo, unha medida impulsada polo tripartito, composto polo BNG, PSOE e Avante Poio, destinada aos negocios locais que tiveron que cesar a súa actividade profesional durante o estado de alarma, debido á expansión da pandemia da Covid-19. O concelleiro de Facenda, Xulio Barreiro, lembra que o prazo para presentar as peticións permanecerá aberto ata este mércores 16 de setembro. Unha vez conclúa este período, o Concello procederá a examinar todas as solicitudes, para, a continuación, publicar o listado de admitidos que cumpren cos requisitos necesarios para acceder a esta bonificación.

Os excluídos contarán cun prazo de cinco días para presentar alegacións. Finalmente, darase traslado á empresa responsable da confección dos recibos, aos efectos de aplicar a bonificación no primeiro bimestre que resulte posible, ate completar o importe total, aplicándose en bimestres sucesivos cando así resulte necesario, ata igualar a contía total. A intención do Goberno local é que estas devolucións podan empezar a realizarse antes de que finalice o presente ano.

Estas solicitudes poden realizarse vía telemática, descargando os formularios na páxina web do Concello de Poio. Ademais de completar dito formulario, tamén resultará indispensable presentar documentos como o último recibo da taxa por tratamento e eliminación de residuos, a resolución da Consellería de Economía e Industria sobre o expediente de regulación de emprego para a suspensión ou redución de contratos laborais por forza maior provocada pola Covid-19 e unha copia do informe de vida laboral que acredite o cese da actividade.

Esta medida forma parte do paquete de actuacións impulsado nos últimos meses polo Goberno municipal, co obxectivo de axudar a paliar os efectivos negativos que tivo para a actividade empresarial o cese de actividade ao que se viron obrigados moitos profesionais de diferentes sectores polo estado de alarma.