fbpx

A concelleira de Igualdade, Silvia Díaz, e a directora do Centro de Información á Muller (CIM) de Poio, Raquel Morales, presentaron este xoves no Casal de Ferreirós a publicación ‘En Poio sementamos igualdade’, cuxa autora, Llerena Perozo Porteiro, tamén estivo presente. A saída desta obra forma parte das actuacións impulsadas a través do III Plan de Igualdade. A tirada constará de 1.000 unidades, que se repartirán, de xeito gratuíto, entre os colectivos integrados no Consello Municipal da Muller, os CEIPS e o IES, Centros de Saúde e tamén entre os integrantes da Mesa Local de Violencia de Xénero, a demais de noutros lugares estratéxicos, coma farmacias, a biblioteca municipal ou o Xulgado de paz. A publicación desta obra finánciase a través dos fondos obtidos a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

Tal e como explicou a concelleira de Avante Poio, esta guía, que consta de 60 páxina, está pensada para xente de todas as idades e xorde co obxectivo de consolidarse como “un manual práctico para detectar actitudes machistas, fomentar os valores da igualdade e saber como actuar para evitar comportamentos violentos por cuestión de xénero na nosa sociedade”. Con respecto ao reparto da publicación, Silvia Díaz entende que “temos que aspirar a achegar ao maior número de persoas posible unha información que resulta básica para cambiar actitudes e comportamentos machistas. Temos que aprender a distinguir esta lacra e actuar contra ela de xeito efectivo”, incide.

En Poio sementamos igualdade consta de dous bloques. No primeiro deles, a autora fala da igualdade como unha tarefa en común do contexto da sociedade, mentres que na segunda parte o foco céntrase na violencia de xénero: como se manifesta, que fórmulas son as máis efectivas para detectala e pautas de actuación. “A igualdade é unha tarefa común e transversal, de aí que tamén queiramos facer fincapé nas idades máis témperas. A educación é indispensable para conseguir unha sociedade futura igualitaria”, concluíu a concelleira de Igualdade, que tamén avanzou que tanto este departamento como o CIM xa traballan na organización de diferentes obradoiros, que formarán parte da programación a desenvolver co gallo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia Contra a Muller (25 de novembro).