fbpx

O departamento de Servizos Sociais investiu no que levamos de ano preto de 35.000 euros (concretamente, 34.904,47) no Fondo de Emerxencia Social, a través do cal se lle presta auxilio a aqueles veciños e veciñas que se atopan nunha situación de risco de exclusión social. Actualmente, segundo calcula a concelleira de Benestar Social e Mocidade, Rosa Fernández, estase axudando, grazas a esta ferramenta, a unhas 300 familias do municipio aproximadamente.

A contía invertida ata o de agora supón un importante crecemento con respecto a anos anteriores, algo que se debe fundamentalmente ao contexto derivado da crise sanitaria provocada pola pandemia da Covid-19. Tal e como sinala a propia edil do PSdeG-PSOE, as inversións neste eido no que vai de ano practicamente iguala xa ao investimento total correspondente a 2019, no que o Fondo de Emerxencia Social destinou 37.311,74 a familias necesitadas. “As previsións que manexamos son que para finais deste ano teremos investido uns 70.000 euros aproximadamente en axudas ás familias que así o precisen, porque o confinamento motivou que moita xente non puidese traballar, provocando así unha merma de ingresos que afectou fundamentalmente a aquelas persoas que dispoñen de menos recursos”, indica Rosa Fernández.

Estes fondos permiten ao Concello ofrecer ás familias en risco de exclusión produtos de primeira necesidade que “resultan indispensables para unha vivenda”, sinala a concelleira de Benestar Social, que enumera a compra directa de alimentos, a dotación de cheques de compra para alimentos frescos (carne, peixe ou froita), a compra de medicamentos ou o pago de diferentes recibos (alugamento e electricidade, por exemplo) como actuacións que se poden cubrir a través desta liña. Ademais, nesta época do ano tamén se realizan investimentos para garantir que as crianzas destas familias dispoñan do material escolar necesario para o inicio do curso.

Fernández González explica que, inicialmente, no Orzamento de 2020 incluíase unha partida de 32.000 euros para o Fondo de Emerxencia Social. Sen embargo, ante a situación provocada pola Covid-19, esta contía foi incrementándose de xeito paulatino, ben a través de subvencións realizadas por outras institucións (como unha axuda recibida desde a Deputación de Pontevedra, de 8.500 euros) ou de modificacións de crédito. Hai uns meses realizouse unha de máis de 25.000 euros e, hai apenas uns días, no Pleno extraordinario celebrado o martes 25 de agosto, tamén se aprobou unha por valor de preto de 7.000 euros, que proveñen de fondos de Festexos que, inicialmente, estaban destinados á organización de festas e actividades lúdicas que, debido á crise sanitaria actual, non se poderán celebrar. Neste sentido, Rosa Fernández deixa claro que “Servizos Sociais conta cos fondos necesarios para facer fronte ás necesidades das familias que cumpren co establecido nos informes técnicos á hora de optar a estas axudas”.

Por outra banda, a edil socialista lembra que na Casa Rosada tamén se ofrecen outros servizos en favor da veciñanza, como asesoramento para realizar por vía telemática a tramitación das solicitudes para a obtención do Ingreso Mínimo Vital aprobado polo Goberno central. A día de hoxe, a técnica municipal encargada de axudar a realizar estas  xestións prestou axuda a un total de 57 veciños e veciñas. 

Doazón de Bien Bonito

A concelleira de Benestar Social expresou o seu agradecemento pola doazón de material de confección e costura efectuada por Silvia Crespo, responsable da firma Bien Bonito. Dito material será utilizado no desenvolvemento dos obradoiros textís e de manualidades que Benestar Social e Mocidade desenvolve ao longo do ano. Rosa Fernández lembra que esta firma destacou pola súa implicación durante o confinamento, a través de actuacións como a elaboración de máscaras de protección.