fbpx

A Concellería de Obras inicia os traballos de mellora no Camiño de San Martiño, na parroquia de San Xoán. Trátase dunha actuación que sirve para completar a dotación de servizos que xa se acometeu o ano pasado, que serviu para que a contorna pasase a contar con redes de saneamento, abastecemento e pluviais. A tenente de alcalde e responsable deste departamento, a socialista Chelo Besada, explica que agora os traballos vanse centrar na ampliación deste camiño, moi utilizado pola veciñanza, que pasará a contar cunha anchura aproximada duns tres metros. Ademais, procederase a hormigonar a superficie.

Esta actuación, que afecta a unha extensión duns 100 metros e contará cun orzamento de 3.000 euros, será levada a cabo polos operarios municipais e conta con fondos propios. Besada pasou revista ao estado do camiño acompañada polo concelleiro de Urbanismo, Gregorio Agís.

Unha vez conclúa esta obra, o Concello procederá a continuar coa mellora do Camiño da Outeira, no lugar de Fontenla (San Xoán). A tenente de alcalde lembra que no seu día xa se desenvolveron traballos de acondicionamento deste camiño, que adoita ser moi utilizado polos alumnos e alumnas do instituto. “Os traballos tiveron que paralizarse ante a dificultade que presentaba a instalación da recollida de pluviais, pero vanse retomar en breve”, garantiu a concelleira do PSOE, que explica que o Goberno local no seu momento realizou xestións cos propietarios e propietarias de parcelas colindantes para ampliar este lugar de tránsito, que orixinariamente “era un pequeno carreiro”.

Estas tarefas forman parte do zafarrancho que os operarios municipais veñen desenvolvendo nas últimas semanas no que a posta a punto de camiños no rural se refire, que inclúe traballos de limpeza, desbroce e bacheo. Con respecto a esto último, Chelo Besada sinala que actualmente a planta de aglomerado non está operativa por vacacións, pero “en canto retome a actividade continuarase arranxando o firme dos camiños do rural”. Na actualidade hai dúas cuadrillas, compostas por un total de seis traballadores, que cada día pasan revista aos camiños de titularidade do Concello e “actúan onde sexa necesario”. Precisamente, neste mes de agosto finalizaron os traballos realizados no Camiño da Bouza e no Camiño Real, na parroquia de Combarro., ou no Paseo de Campelo, en San Xoán.  A concelleira socialista é consciente de que este ano este tipo de actuacións non se puideron desenvolver nas datas habituais, debido á paralización de actividade motivada durante varios meses por mor do confinamento. Por iso, procedeuse a reforzar o servizo. Ademais, aproveitando o empeoramento das condicións meteorolóxicas, os traballadores municipais tamén están procedendo estes días á mellora e posta a punto dos accesos das praias do municipio, así como á limpeza de canaletas.

O Concello lembra que dispón dunha canle directa coa veciñanza, a través da cal os e as cidadás poden poñerse en contacto coa Administración municipal para dar parte de calquera incidencia ou aviso. Trátase da Liña Verde, que está operativa na páxina web municipal. Tamén é posible contactar co Consistorio chamando por teléfono ao 986770001.