fbpx

O alcalde de Poio, Luciano Sobral; a concelleira de Memoria Histórica, Marga Caldas; a edil de Cultura, Raquel Rodríguez e o vicepresidente da Fundación Alexandre Bóveda, Valentín García Bóveda, deron a coñecer na mañá deste venres os actos que se desenvolverán o vindeiro luns co gallo do Día da Galiza Mártir, organizados polo Concello de Poio e a propia fundación. Trátase dunha xornada que se ven celebrando desde hai xa varios anos para reivindicar non só a figura do político galeguista, fusilado en Poio en 1936 (no inicio da Guerra Civil), senón tamén en representación de todos os mártires, galegos e galegas que perderon a vida ao ser vítimas do réxime franquista.

Como xa é habitual, a programación constará de varias citas, todas elas adaptadas, iso si, as esixencias requiridas pola nova normalidade derivada do impacto da Covid-19. Ás 13.00 horas, o monumento a Alexandre Bóveda, na Caeira, acollerá o tradicional acto institucional, no que participarán diversas autoridades e que incluirá unha ofrenda floral. Xa pola tarde, ás 19.00 horas, a capela de San Amaro, en Pontevedra, ofrecerá unha misa na memoria de Bóveda, mentres que ás 19.00 horas procederase a levar a cabo unha ofrenda cívica no cemiterio pontevedrés, onde descansan os restos mortais de Alexandre Bóveda. Á conclusión deste evento será cando se proceda a facer entrega do Premio Galicia Mártir, un recoñecemento que se ven realizando desde o ano 2006 e que este ano recaerá, a título póstumo, en Antonio Nores, referente polo labor feito, por exemplo, a través da Asociación de Memoria Histórica de Cangas.

Unha das principais novidades da programación con respecto a edicións anteriores terá lugar ás 21.30 horas. Será na Praza de Riestra, na Caeira, onde teña lugar un concerto a cargo de Xosé Manuel ‘Seso’ Durán, unha iniciativa que está incluída no programa lúdico Reinicia o Verán. No seu último traballo, Son da memoria, o músico, historiador e compositor lembra o sucedido despois do golpe de estado de 1936 en comarcas como Pontevedra, O Morrazo e Vigo. Tanto Marga Caldas como Valentín García fixeron fincapé na importancia de engadir este concerto á programación, xa que se trata dunha iniciativa que “pode axudar a que moita xente tome conciencia da importancia da memoria histórica”.

Os organizadores enviaron invitacións para asistir aos actos a todas as institucións, xa que, tal e como sinalou Marga Caldas, “é imprescindible que vaiamos todas as administracións da man á hora de poñer en valor e recoñecer a importancia de figuras como a de Bóveda”, algo no que tamén coincide Luciano Sobral. “Alexandre Bóveda deu todo por Galiza e merece que as futuras xeracións saiban tamén da súa trascendencia”, incidiu.