fbpx

Ante a situación provocada pola pandemia da Covid-19, son moitos os e as visitantes que este verán optan pola fórmula das autocaravanas para gozar das súas vacacións. No caso de Poio, o incremento do uso deste tipo de vehículos nótase especialmente na área de servizo habilitada na Seca, na parroquia de San Xoán. Ante a proliferación destes automóbiles nos últimos días, e para evitar o colapso e a ocupación de prazas de estacionamento existentes na contorna, o Concello de Poio aplicará unha serie de medidas para regular o aparcamento, sen provocar prexuízos aos usuarios e usuarias.

A concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, detallou hoxe este plan de actuación, que entrará en vigor desde mañá venres ata o vindeiro día 31 de agosto. Durante este tempo, restrinxirase a entrada de autocaravanas á área de servizo, que quedará limitado ás dez prazas habituais coas que conta este espazo durante todo o ano e que permiten unha estancia máxima de 72 horas. Ademais, a edil nacionalista explicou que as autocaravanas que cheguen a Poio e se atopen con estas prazas ocupadas, poderán utilizar, de xeito provisional, o campo de billarda, situado nas proximidades. Iso si, Caldas Moreira deixou claro que estes vehículos só poderán permanecer nesta explanada durante un tempo máximo de 24 horas.

 “Está é unha medida excepcional, que tomamos nun contexto excepcional”, indica a responsable de Seguridade Cidadá, que lembra que “atopámonos nun momento moi delicado pola situación derivada da Covid-19 e temos que actuar en consecuencia.  O Concello de Poio aposta por promover o turismo e, no caso das autocaravanas, non é unha excepción. Sen embargo, non podemos obviar que nesa zona é preciso garantir prazas de estacionamento para a veciñanza e visitantes, así como para os e as profesionais do sector marisqueiro que traballan alí de xeito habitual”, indica Marga Caldas.

En canto á elección do campo de billarda, a edil do BNG entende que, ademais de polo seu emprazamento próximo, tamén é ideal porque “durante este mes de agosto non están previstas actividades alí, dada a situación provocada pola Covid-19. Ademais, consideramos q este uso puntual e excepcional non provocará danos nin un impacto negativo na explanada”, sinala.

Para velar polo cumprimento desta medida, a Policía Local de Poio procederá deste este venres a efectuar os pertinentes controis, a fin de garantir que se cumpre tanto co límite de horario establecido como coa ocupación de zonas permitidas. Haberá sancións para as persoas que fagan caso omiso destas indicacións.

De cara ao futuro, a intención do Goberno local é reforzar a sinalización e mellorar a área de servizo. “Esa actuación témola que acometer con tempo, pero agora mesmo é preciso actuar para garantir que se poida compaxinar o turismo de autocaravanas sen que se produzan problemas pola entrada masiva de vehículos na Seca”, concluíu.