fbpx

O sector hoteleiro local despediu o pasado mes de xullo cun índice de ocupación do 47%, porcentaxe que se rexistrou durante a segunda quincena, sendo notablemente superior á acadada ao inicio da temporada estival. Tal e como se agardaba, a situación derivada da pandemia da Covid-19 pasou factura á actividade, se ben a concelleira responsable de Turismo, Silvia Díaz, salienta que “os esforzo e a profesionalidade” dos axentes serviron para atenuar, en parte, a caída con respecto a veráns anteriores. Unha baixada que foi unha tónica constante a todos os niveis no eido turístico e non só no municipio poiense.

Os establecementos máis afectados foron os que adoitan a traballar con grupos organizados. No caso contrario atópanse as casas rurais, con moitos casos nos que o índice de reservas chegou a superar o 90%. En xullo, o principal baluarte do sector foi o turismo nacional. Neste sentido, Díaz explica que máis do 90% de visitantes que elixiron Poio para gozar das súas vacacións procederon doutras cidades do estado español, unha cuestión que “é comprensible, dadas as dificultades para poder realizar viaxes e traslados longos na situación na que nos atopamos”. Con respecto ás previsións do sector de cara a este mes de agosto estiman que as porcentaxes poderían medrar. De momento, para os primeiros días estímase que a ocupación superará o 50%, se ven estas predicións poden cambiar, xa que, tal e como apunta a titular de Turismo, “estanse rexistrando reservas de última hora de xeito habitual e tamén algunha cancelación”.

A pesar do contexto actual, Poio continúa sendo un destino de referencia dentro das Rías Baixas. Así o demostran as 2.435 visitas que recibiron durante o mes de xullo as oficinais municipais de turismo. O centro histórico de Combarro continúa a ser un dos destinos predilectos das persoas que elixen a provincia de Pontevedra e Galicia para gozar do seu tempo de lecer nesta época estival. A Concellería de Turismo cifra en 2.345 o número de cidadáns que demandaron información nas instalacións situadas nesta zona, 899 durante a primeira quincena e 1.446 na segunda. Pola súa banda, a Casa Museo de Colón recibiu a 62 persoas, mentres que polo Casal de Ferreirós pasaron 28 para asesorarse sobre a oferta lúdica, cultural e patrimonial do noso municipio.

Outro dato que tamén salienta a concelleira de Turismo ten que ver co número de peregrinos que se desprazaron ata a Casa Consistorial para selar a súa acreditación (51). Trátase de persoas chegadas desde diferentes comunidades autónomas, como Madrid, Andalucía, Extremadura ou Euskadi. Mesmo hai se recibiron a camiñantes chegados desde outros países como Portugal ou Rumanía. A edil de Avante Poio agradece o esforzo do sector da hostalería e lembra que “unha das nosas fortalezas como destino é que contamos con patrimonio, sendas e espazos abertos que contan cun gran atractivo turístico e das que se pode gozar respectando as medidas de seguridade e distanciamento que ordenan as autoridades sanitarias”, indica. Por último, Díaz Iglesias recalca o esforzo realizado polo sector para adaptarse a este contexto e lembra que o Concello de Poio continuará traballando para impulsar ao sector, a través de diferentes programas e iniciativas, como é o caso de Poio Confía.