fbpx

O alcalde de Poio, Luciano Sobral, recibiu na mañá deste luns aos integrantes do colectivo Camiño Universal a Santiago de Compostela, que, como xa é habitual desde hai máis dunha década, inician o Camiño de Asia desde o municipio de Poio. Nos vindeiros días, atravesarán varios concellos da provincia de Pontevedra, ata chegar ata a capital de Galicia.

Nesta ocasión, forman parte da expedición máis dunha ducia de integrantes, de diferentes idades chegados desde diferentes cidades da xeografía española, como Barcelona, Mallorca ou Santander. Os integrantes desta asociación son recoñecidos por realizar o camiño portando rosas brancas, como símbolo de paz. O rexedor compartiu uns minutos con estes peregrinos nas inmediacións do pavillón polideportivo da Seca, que, logo de pasar a noite nas dependencias do IES, iniciaron a súa marcha cara Santiago a primeira hora da mañá. A súa etapa inicial levounos ata Meis.

Desde a a súa estrea no ano 2006, a Asociación Camiño Universal a Santiago de Compostela veu elixindo Poio como punto de saída para cubrir parte do Camiño Asia, tal e como explican os seus responsables, que fixeron entrega a Sobral dun pequeno obsequio, como agradecemento á hospitalidade que lles brinda o Concello. Este ano, os participantes foron quen de adaptarse ás esixencias e requisitos en materia de seguridade, hixiene e distanciamento que veñen determinadas pola situación derivada da pandemia da Covid-19.