fbpx

O alcalde de Poio, Luciano Sobral, recibiu na mañá deste venres a Yago Martínez Rodríguez, integrante do Grupo Azabache e veciño de San Xoán que representará ao municipio e á bisbarra de Pontevedra nunha nova edición do concurso televisivo Recantos, no programa Luar da TVG. Os responsables deste certame realizan unha selección de 20 cantantes, elixidos a través dun casting previo, para poder tomar parte na rolda definitiva.

Yago Martínez amosou a súa ledicia polo feito de ter superado esta proba inicial e sentiuse “moi orgulloso e encantado” de poder representar ao seu concello nun dos programas televisivos máis coñecidos a nivel autonómico. “Para min é unha honra representar ao municipio que me viu crecer desde cativo”, aseverou o membro do Grupo Azabache, unha formación moi coñecida na provincia polas súas actuacións en diferentes festas e eventos.

Pola súa banda, Luciano Sobral transmitiulle ao artista local o apoio do Concello, desexándolle o mellor dos resultados no programa. Recantos está considerada unha das plataformas de promoción para novos talentos máis importantes de Galicia. A través da súa participación neste certame déronse a coñecer diferentes artistas ao longo dos últimos anos. O rexedor fixo entrega ao mozo dunha bandeira do municipio a modo de agasallo.