fbpx



A empresa EC Casas Sociedade Limitada será a encargada de acometer as obras de mellora que o Concello proxectou para a Rúa Costa de Abaixo, na parroquia de Combarro, logo de que finalizase o proceso de licitación. Ata sete empresas diferentes presentaron ofertas para levar a cabo a actuación. O orzamento ascende a 51.342,09 euros, IVE incluído. As tarefas financiaranse a través da rebaixa efectuada no proxecto de mellora do campo de fútbol da Seca, con cargo ao Plan Concellos de 2018.

A concelleira de Obras e tenente de alcalde, Chelo Besada, explica que o prazo de execución das obras será de tres meses. A actuación ven dada pola necesidade de renovar o firme, xa que “na actualidade atópase moi deteriorado polo tránsito de tráfico rodado e a erosión provocada pola auga en época de choivas”. O proxecto inclúe, a maiores, a rehabilitación de diferentes servizos básicos, como é o caso das redes de saneamento e abastecemento. Con respecto ao pavimento, este pasará a contar cunha capa media de cinco centímetros de mestura bituminosa en quente, estendida sobre unha capa previa de xabre artificial. Pola súa banda, as tubaxes sumarán 55 metros de PVC de 315 milímetros para fecais e outras tantas para pluviais, ademais da dotación de media ducia de pozos de rexistro e tres tramos de reixa en fundición. A empresa acometerá, de igual modo, a instalación de canalizacións para garantir o correcto abastecemento de auga ás vivendas da contorna. No informe técnico se contempla, asemade, o retranqueo dun poste de telecomunicacións situado nesta rúa, que deberá trasladarse á Rúa Costa de Arriba.

Por outra banda, Besada adiantou que proximamente tamén será adxudicada a reforma do Camiño de Covelo, en Samieira. Ao igual que na actuación a desenvolver en Combarro, prevese a renovación da superficie do firme, así como a mellora dos sistemas de drenaxe e a evacuación de augas pluviais, mediante a execución de cunetas en parto do tramo de actuación. Deste xeito, solventaríanse os problemas derivados da escorrentía orixinada cando se producen precipitacións de certa intensidade, tal e como apunta a edil socialista.