fbpx

O concelleiro de Festexos, Xosé Luís Martínez, e a concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, presentaron na mañá deste xoves o Festival Chalaniñas, que se desenvolverá entre o luns e o mércores da vindeira semana en Lourido (San Salvador) e que é unha das actividades estrela que forma parte da extensa programación do Reinicia O Verán Poio. Trátase dunha iniciativa que xa en anos anteriores incluíuse con éxito na Festa do Mar e que está pensada para o goce das crianzas. Tal e como explicaron os concelleiros, é un festival “ideal para desfrutar en familia” e que inclúe malabares, humor e espectáculos ‘clown’ que farán as delicias dos e das asistentes.

PROGRAMA 👉 http://ow.ly/w2jW50ANxHF

A cita contará cunha actuación por día, todas elas a partires das 20.00 horas. O Parque de Costa Xiráldez acollerá o luns 3 de agosto a estrea do Chalaniñas, a cargo de Peter Punk Pallaso, que achegará ao público a súa particular visión da pandemia da Covid-19 cun recital que reúne técnicas circenses, malabares e moito humor.  O martes 4, será a quenda de Xampatito Pato, un proxecto dirixido por Jesús Velasco e que conta no seu haber con varios premios e recoñecementos. Esta actuación levarase a cabo na Praia de Cabeceira.  Por último, o xoves 5 de agosto, Kanbahiota: La Coquette porá o peche a este festival. Rosina Casteli e Abraham Pavón sorprenderán aos asistentes cun gran repertorio de acrobacias aéreas, con rutinas de trapecio e aro. Este dúo conta cunha gran experiencia, toda vez que leva actuando desde 2002, chegando a gañar o Premio Stuartini do Festival MYAU de Guadalajara.

O festival desenvolverase, ao igual co resto de actividades do Reinicia O Verán, cumprindo cos protocolos e medidas de seguridade, control de aforo e distanciamento pertinentes, tal e como garantiron os seus responsables. Ademais, a programación lúdica continúa esta tarde co Mago Paco, que deleitará a crianzas e maiores co seu espectáculo na Praza Alfredo Romay Besada de Samieira, ás 20.30 horas. O venres, a Praza da Granxa será o escenario dun concerto de jazz, a cargo da Jazz Frequency Group (22.00 horas). Trátase dunha formación liderada polo contrabaixista de Vilanova de Arousa Pacho Charlín.  Con respecto á fin de semana, a Escola de Acordeós de Campelo actuará na Praza Alfredo Romay de Samieira o sábado 1 de agosto, ás 21.00 horas. Por último, o domingo 2 de agosto haberá dobre sesión de actividades. Ás 12.30 horas a Charanga Acordes protagonizará un pasarrúas pola parroquia de Raxó, mentres que ás 22.00 horas ofrecerase a proxección da película Hotel Transilvania 3 na Reiboa.