fbpx



O Concello de Poio insta á Xunta de Galicia a que revise o actual mapa de Emerxencias, cuxa distribución depende exclusivamente da Administración autonómica e que motivan que o municipio forme parte da área de actuación do Parque de Bombeiros do Salnés. O alcalde, Luciano Sobral, entende que mellor fórmula para dar o mellor servizo aos veciños é que actúen os equipos de emerxencia “que máis preto se atopen do lugar no que se produce a incidencia”. O rexedor lembra que é a Xunta de Galicia a que pode tomar esta decisión e que “con este mecanismo seguramente se resolverían moitas problemáticas”. De feito, Sobral sinala que este é precisamente o criterio que se segue coas brigadas de incendios. “Acoden as máis próximas, co cal o servizo é máis eficaz”.

Co mapa vixente, prodúcense situacións como a vivida hai uns días, cando os Bombeiros do Salnés tiveron que acudir a sufocar un incendio declarado en San Salvador. Neste sentido, a Concellería de Seguridade Cidadá, dirixida pola nacionalista Marga Caldas, aposta por “ir da man dos veciños” da parroquia á hora de solicitar á Xunta de Galicia fórmulas para que a cidadanía conte “cun servizo de emerxencias próximo, axeitado e eficaz”, algo que “só se pode conseguir se todas as institucións imos da man”. Para iso, remitirase unha carta aos residentes, de cara a dar traslado da reivindicación.

Pola súa banda, Luciano Sobral recalca que Poio non é o único concello que se atopa nesta tesitura. “A Marín, que está tamén moi próximo a Pontevedra, teñen que acudir os Bombeiros do Morrazo, cuxa base se atopa en Bueu. En Ponte Caldelas presta servizo o parque da Estrada. Habería que preguntar á Xunta de Galicia por que aplicou esta distribución sen consultar cos concellos sen darnos a oportunidade de achegar as nosas propostas”. Cómpre lembrar que a competencia de Emerxencias depende da Consellería de Presidencia. “O mapa debe ser revisado, é unha petición que non só facemos nós, senón que tamén a realizou a propia Federación Galega de Municipios e Provincias en varias ocasións”, conclúe Sobral.

O Concello de Poio, ao ser un municipio de menos de 20.000 habitantes, non ten competencias sobre este ámbito. Existe un convenio entre a Deputación e a Xunta para prestar cobertura a estes concellos, pero é a Administración autonómica quen determina a distribución das actuacións. O Goberno local, en todo caso, tamén ensalza e saliente o “gran labor” que desenvolve a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, que non só está sempre disposta a actuar no territorio municipal, senón tamén á hora de botar unha man noutros concellos rurais da contorna que non dispoñen de medios.