fbpx

A programación alternativa das Festas de San Xoán retomarán ao longo da vindeira fin de semana a súa actividade, logo de que as inclemencias meteorolóxicas obrigasen a aprazar varias iniciativas. Deste xeito, o venres 3, ás 20.00 horas, a Escola do Sartal acollerá un espectáculo de títeres.


O sábado 4 de xullo, tamén ás 20.00 horas, o protagonismo será para o 'clown' Rudi Dudi na Praza da igrexa do Pereiro, mentres que a programación deste día pecharase co espectáculo adulto #Aupá, realizado por Nelson Quinteiro Producións. Será no parque da Reiboa, na Seca, ás 21.30 horas.
 
Precisamente, será o propio Nelson Quinteiro o encargado de retomar a programación, o domingo 5 de xullo, ás 20.00 horas, na Praza da Granxa de Campelo. Nesta ocasión, tratarase duo espectáculo infantil As nosas músicas, unha iniciativa que combina a música cos contacontos e, a través da cal, as crianzas teñen a posibilidade de coñecer antigas cantigas de oficios que contan cunha gran tradición dentro da cultura galega, como son os canteiros ou mariñeiros. Neste ‘show’ tamén participa o acordeonista David Álvarez.
 
O peche desta programación de San Xoán, que apostou por dinamizar a actividade cultural, comercial e hostaleira, renunciando a grandes eventos masivos, por mor da crise sanitaria da Covid-19, correrá a cargo da Escola de Acordeóns de Campelo. Os seus integrantes ofrecerán un concerto ás 20.30 na Praza da Rúa Vilariño.