fbpx

A Policía Local de Poio tramitou 333 denuncias por incumprimento do estado de alarma durante o tempo no que permaneceu vixente, desde a súa aprobación o 14 de marzo ata a finalización da desescalada o pasado 15 de xuño. Tan só 20 das mesas foron protagonizadas por persoas reincidentes, é dicir, sobre as que pesaba máis dunha denuncia por non respectar o confinamento. Este é un dos datos que demostra o “comportamento impecable da cidadanía a longo de todos estes meses”, tal e como sinalou a concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, que expresou o seu agradecemento á veciñanza por este “comportamento exemplar”, ademais de incidir na necesidade de continuar facendo esforzos para evitar posibles rebrotes e situacións de risco. “A pesar de atoparnos xa na nova normalidade, debemos seguir respectando as distancias de seguridade, as medidas de hixiene e, sobre todo, continuar facendo uso de máscara”, indicou a edil nacionalista.



Os controis policiais, en colaboración coa Subdelegación do Goberno en Pontevedra, tamén foron unha constante desde o inicio do estado de alarma. En total, controláronse 6.000 vehículos e identificáronse a 2.500 persoas. Destaca, asemade, as xestións en chave informativa que desenvolveu o corpo de seguridade municipal. Así o demostran as máis de 4.500 chamadas que se recibiron a través do número de teléfono habilitado para resolver dúbidas relacionadas co estado de alarma. Tamén se deu reposta a máis de 4.000 mensaxes. No apartado de denuncias xudiciais, tramitáronse 37 de carácter penal, con cinco detidos (dous por roubo e tres por casos de violencia de xénero). Ademais, investigáronse once roubos e cinco casos de violencia doméstica.

A coordinación desenvolvida polos diferentes departamentos do Concello, a través da Comisión de Emerxencias, tamén serviu para desenvolver todo tipo de actuacións, entre as que se inclúe a asistencia en 60 fogares, nos que se recibiu aviso de algún tipo de incidencia (como caídas de persoas maiores ou con problemas de mobilidade) e requirimentos de positivos por Covid-19 ou en cuarentena. Procedeuse tamén aos peches, coas súas respectivas aperturas progresivas, de espazos públicos como praias, sendas ou parques infantís, así como á realización de controis, por parte da Policía Local, para velar polo cumprimento da normativa que regula a ampliación de terrazas que se aprobou para facilitar a reactivación da actividade hostaleira. Neste sentido, o corpo de seguridade resalta que se pasou revista a preto de medio cento de locais, sen que se fose preciso tramitar denuncia algunha. Outro aspecto a resaltar é a boa acollida que tiveron as iniciativas impulsadas pola Policía Local para as crianzas, como a creación dos Diplomas de Cidadán Exemplar ou os coches patrulla recortables. Ambas iniciativas contaron, en total, con máis de 3.000 descargas desde as redes sociais e a web do Concello.

De cara á nova normalidade, o departamento de Seguridade Cidadá estará moi pendente de que se sigan a cumprir cuestións como o aforo en eventos e negocios, así como o uso da máscara (que é obrigatorio en lugares pechados e en espazos abertos cando non se poida garantir unha distancia interpersoal de 1,5 metros, tal e como establece a normativa). “Agora máis que nunca é moi importante non baixar a garda”, salienta Marga Caldas, que incide en que, en caso de que se detectase algún problema derivado da posible presenza da Covid-19, “volveremos tomar as medidas que sexan precisas para garantir o benestar da veciñanza”.