fbpx

O programa alternativo deseñado polo Concello de Poio para a celebración das Festas de San Xoán, cun contido que será presentado nos vindeiros días, incluirá tamén, á marxe de diferentes actividades lúdicas e artísticas, unha aposta decidida para incentivar a actividade da hostalería e do pequeno comercio a nivel local. Ante a cancelación dos eventos masivos como as verbenas, a gran fogueira e, sobre todo, a sardiñada popular que se celebraba habitualmente na explanada da Seca, as concellerías de Festexos e Cultura dan vida á campaña ‘Merca en Poio polo San Xoán’ que quere servir para dinamizar estes sectores, que foron dos máis afectados pola dura situación económica derivada da crise sanitaria da Covid-19.

Deste xeito, o Concello premiará a aqueles veciños e veciñas que aposten polos establecementos locais á hora de realizar as súas compras no pequeno comercio. A campaña permanecerá activa desde o venres 19 de xuño ata o sábado 27, ambos incluídos. Os clientes serán agasallados cun ‘merchandising’ deseñado expresamente para dar vida a esta iniciativa. Polo que respecta á hostalería, ante a cancelación da tradicional sardiñada, promoverase o consumo de sardiñas en establecementos locais, nos que os comensais tamén recibirán unha mochila como agasallos. Esta iniciativa en concreto se levará a cabo o día 23. Os negocios interesados en tomar parte nesta campaña poderán anotarse enviando os seus datos á dirección de correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..


Tanto a concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, como o responsable de Festexos, Xosé Luís Martínez, entenden que as Festas de San Xoán poden ser unha ferramenta ideal para axudar a dar un novo pulo á actividade económica de Poio. Neste sentido, non hai que esquecer que o Goberno local fixo realidade xa varias iniciativas en materia económica, de dinamización e formación e asesoramento nos últimos meses, para axudar, dentro das súas posibilidades, a autónomos, empresarios e profesionais dos sectores máis prexudicados pola crise, como son a hostalería, o comercio ou o turismo.