fbpx

O Concello de Poio realizou un investimento que rolda os 50.000 euros en seguridade e Servizos Sociais desde o inicio da pandemia. Aos máis de 28.000 euros utilizados, en materia de seguridade, desde o comezo do estado de alarma, o pasado 14 de marzo, investidos para facer fronte ás consecuencias da crise sanitaria motivada pola expansión do Covid-19, súmanse máis de 21.000 do Fondo de Emerxencia Social.

Con respecto á primeira partida, esta serviu para facer realidade diferentes actuacións. Por exemplo, destacan os preto de 14.000 euros (concretamente, 13.926,22) que se utilizaron para a adquisición de de produtos sanitarios e farmacéuticos, unha medida coordinada entre os departamentos de Seguridade Cidadá e Servizos Sociais. Tamén se procurou de pantallas faciais integrais e buzos a operarios e colectivos máis expostos, por valor de 2.123 euros. A maiores, nas diferentes dependencias municipais e oficinais instaláronse mamparas de protección, por valor de 4.857,08 euros. O Concello tamén se proveu de elementos de limpeza e aseo, para garantir as medidas de hixiene que establecen as autoridades sanitarias, investindo 3.354,14 euros na súa compra. A maiores, adquiriuse maquinaria de limpeza por valor de máis preto de 2.000 euros, en compra e alugamento de dispositivos. Campañas informativas sobre a Covid-19, dotación de mobiliario ou o reforzo das limpezas en dependencias como os Centros de Saúde completan este paquete de medidas.

A concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, salienta que “desde o comezo do estado de alarma, para o Concello primou por riba de todo garantir a seguridade e a protección, especialmente para aquelas persoas e colectivos que desenvolvían labores de primeira necesidade e se atopaban en primeira liña contra o virus”. Foi por iso polo que a o Goberno municipal realizou investimentos en cuestións que, a priori, deberían ser responsabilidade doutras administracións. “Con 300 mascarillas semanais que nos enviaba a Xunta de Galicia pouco podiamos facer nun concello con máis de 17.000 habitantes. Asumimos a adquisición e o reparto de unidades e material de protección, dando prioridade a persoas en situación de risco, traballadores e profesionais en primeira liña e xente maior. Dotamos deste tipo de material ao persoal do SAF, farmacias, profesionais do sector mariñeiro...”, enumera Caldas Moreira.

Fondo de Emerxencia Social

O investimento realizado no Fondo de Emerxencia Social, destinado a axudar a familias en situación de risco económico, tamén aumentou de xeito considerable desde o inicio do estado de alarma. A concelleira de Benestar Social, a socialista Rosa Fernández, cifra en 21.140 euros esta cantidade. Trátase dunha contía que se destina á compra directa de produtos alimenticios ou á tramitación de vales de compra en alimentación, así como para o pago de alugamentos ou de facturas de luz para os veciños máis necesitados.

Ademais, tanto o departamento de Servizos Sociais como o de Seguridade Cidadá coordináronse para axudar a persoas infectadas ou en cuarentena que non dispoñían de familiares ou achegados para facer a compra, adquirir medicamentos nas farmacias ou tirarlles o lixo. En total, recibíronse máis de 20 peticións neste sentido. Sen embargo, Rosa Fernández matiza estas xestións leváronse a cabo “nos momentos máis fortes do confinamento”, mentres que nas últimas semanas, segundo foi remitindo o virus, xa non se recibiron máis solicitudes deste tipo.