fbpx

O Concello de Poio descarta manter a celebración das Festas de San Xoán tal e como se viñan desenvolvendo tradicionalmente e estuda fórmulas e iniciativas que, na medida do posible, poidan axudar a paliar o impacto social derivado desta decisión. Deste xeito, este ano non se desenvolverán as tradicionais verbenas e a gran cacharela e sardiñada que habitualmente tiña lugar na explanada da Seca.

Outra posibilidade que tamén está practicamente descartada é aprazar temporalmente os festexos na honra do patrón. “Sería moito máis lóxico retomalas o vindeiro ano nas súas datas habituais”, defende o concelleiro de Festexos, Xosé Luís Martínez.

Neste sentido, o edil do Bloque Nacionalista Galego sinala a Administración local aposta por manter as contratacións que se pecharon antes da crise derivada pola Covid-19 de cara a cita do 2021. 
O concelleiro nacionalista ten moi claro que, á hora de deseñar unha programación lúdica, “hai que actuar con moita cautela, porque é imposible saber que vai suceder no futuro inmediato, por moito que a situación estea mellorando nos últimos tempos. Non podemos baixar a garda”. Chegado o caso, tratarase de impulsar outras actividades nas que se poida garantir de xeito rigoroso as medidas de distanciamento e seguridade que establecen as autoridades sanitarias e que, con toda probabilidade, será preciso manter unha vez se retome a normalidade, a fin de evitar posibles rebrotes. Neste aspecto, o Concello entende que podería ser posible, por exemplo, impulsar a organización de eventos pensados para grupos reducidos, sendo rigorosos no cumprimento de aforo. “Estamos estudando fórmulas pensadas para os cativos e tamén a posibilidade de organizar pequenas actuacións musicais”, indica o responsable da Concellería de Festexos. A maiores, buscaranse propostas vía telemática, a través das redes sociais, para ofrecer contidos de calidade á veciñanza, tal e como se fixo en celebracións recentes, como o Día dos Maios ou das Letras Galegas.

Xosé Luís Martínez entende que este é o proceder axeitado no contexto actual, máxime tendo en conta a falta de implicación por parte da Xunta de Galicia. Sobre este aspecto, o concelleiro do Goberno local sinala lamente a ausencia de directrices por parte da Administración autonómica sobre as verbenas de verán, limitándose unicamente a non opoñerse á celebración deste tipo de eventos. Con respecto aos permisos para a realización de cacharelas a nivel particular, o Concello de Poio mantense á espera do que decidan as autoridades, que “deben aclarar esta cuestión e, sobre todo, en que condicións se poderían realizar, en caso de que se aproben”, finalizou.