fbpx



A Corporación municipal aprobou no Pleno ordinario do pasado martes unha moción, impulsada polo Bloque Nacionalista Galego, para esixir ao Goberno central a derrogación da Ley Orgánica 2/2012 de Estabilidad Presupuestaria y Sostenibilidad Financiera, coñecida como ‘Lei Montoro’.

Todos os grupos respaldaron unha proposta que é preciso que se faga realidade para que concellos como Poio teñan a posibilidade de utilizar o seu remanente “para realizar investimentos en actuacións que sirvan para reactivar a economía”, tal e como defendeu a voceira nacionalista, Marga Caldas, durante a exposición da moción. “O feito de que o Concello teña que asumir na actualidade servizos que corresponden a outras administracións provoca que, para poder realizar investimentos en favor dos veciños, nos vexamos na obriga de incumprir a regra de gasto”, engadiu, algo que deixaría de supoñer un problema coa derogación desta normativa.

Os integrantes do equipo de Goberno coincidiron á hora de defender esta medida. Ademais do exposto por Marga Caldas, a voceira de Avante Poio, Silvia Díaz, fixo fincapé na necesidade de que esta lei se suprima “para que as administracións municipais teñan a capacidade de xestionarse mellor”, xa que agora mesmo “atopámonos con moitas trabas burocráticas para poder investir”. O socialista Gregorio Agís, pola súa banda, incidiu en que os concellos con capacidade de inversión “deben ter liberdade para marcarse o seu propio camiño” e sinalou que a ‘Lei Montoro’ “facilita a privatización e afoga ás administracións municipais, porque non permite a utilización de recursos propios ou contratar persoal”.

Cómpre lembrar que a derrogación desta normativa tamén figura nun dos puntos do acordo impulsado polo tripartito para dar vida a un Plan de Reactivación Municipal, co obxectivo de atallar a crise derivada da Covid-19. O Goberno local aposta pola creación dunha mesa de traballo, que se poderían dividir en mesas sectoriais, nas que estean representados todos os grupos da Corporación, así como membros dos sectores produtivos e do tecido asociativo, así como técnicos municipais das áreas que se requiran, a fin de analizar e canalizar as necesidades dos sectores e da veciñanza e consensuar medidas a aplicar.

Para que esta fórmula funcione, é preciso tamén a implicación doutras administracións e a supresións de leis que “limitan a posibilidade de realizar máis gasto e investimentos”, como é o caso da ‘Lei Montoro’. Ademais das medidas xa impulsadas durante o estado de alarma, o Goberno local segue a estudar máis fórmulas para aliviar a situación xerada pola crise da Covid-19. Serán medidas que teñan amparo legal e que conten cas pertinentes aprobacións dos departamentos de Intervención e Tesourería.