fbpx



A Xunta de Goberno Local vén de aprobar unha proposta de ampliación de medidas no ámbito urbanístico, a aplicar durante a fase 2 do Plan Transitorio ata a Nova Normalidade. O obxectivo da mesma é dar cabida a novos criterios de actuación aplicables á tramitación de expedientes no departamento de Urbanismo, dirixido polo socialista Gregorio Agís, e Aperturas, que se unan aos impulsados a principios de maio. Dentro deste último grupo xa se incluíran, por exemplo, os permisos para a realización certos traballos de instalacións urxentes ou reparación de averías, así como construcións de nova pranta.

O Goberno local entende que urxe seguir a impulsar a tramitación de todos aqueles expedientes que sexan compatibles coas medidas de seguridade e saúde xa implementadas durante fase 1. Agora, búscase fomentar a recuperación dos intereses sociais e económicos de carácter xeral, a través do alzamento da suspensión para o inicio, tramitación, resolución e notificación das peticións de licenzas e comunicacións para actividades con obras de intervención en edificios existentes. As solicitudes solo admitirán tramitación telemática durante a fase 2 e deberán ir acompañadas dunha declaración de conformidade expresa dos interesados, ata o vindeiro 1 de xuño.

Tamén se alza a suspensión para o inicio, tramitación, resolución e comunicación de certificacións e informes urbanísticos de todo tipo, dándoselle preferencia á tramitación telemática. En caso contrario, deberá indicarse aos particulares que soliciten cita previa. O Concello advirte de que os criterios propostos poderán ser obxecto de modificación en función das decisións que sexan adoptadas polas autoridades estatais e autonómicas competentes en cada caso que obriguen ou aconsellen unha ampliación das obras e actividades permitidas ou, en función das circunstancias, a súa limitación tanto no seu contido como nos actos e trámites a realizar.