fbpx


O Concello de Poio impulsará un plan de recuperación municipal, que permita axudar aos sectores máis afectados pola crise derivada pola expansión da Covid-19 e ven a sumarse ás medidas adoptadas desde o inicio de estado de alarma, como a conxelación de taxas ou a instrución para a ampliación do uso do espazo público para a instalación de terrazas, entre outras propostas.

Dentro deste novo plan, inclúese a constitución dunha mesa na que estean presentes, ademais de representantes de todos os grupos da Corporación, membros dos sectores produtivos e do tecido asociativo, así como dos técnicos municipais das áreas que se requiran, co obxectivo de analizar e canalizar as necesidades dos sectores e da veciñanza e consensuar máis medidas a aplicar.

O Concello lembra que conta con mecanismos para dotarse de recursos a curto prazo cos que poder elaborar un plan con capacidade de incidencia, que permita axudar aos máis afectados pola crise económica. Iso si, o Goberno municipal lembra que, para iso, é necesario que se anulen ou modifiquen determinadas normas “que limitan a posibilidade de realizar máis gasto e investimentos”. É por iso polo que o tripartito presenta unha emenda no Pleno ordinario deste martes, celebrado de xeito telemático, a unha moción da oposición, a través da cal se propón a creación dunha mesa de reconstrución económica e social no municipio. BNG, PSdeG-PSOE e Avante Poio coinciden en que esta fórmula precisará de recursos económicos suficientes para que sexa efectiva. É por iso polo que na emenda deseñada polo tripartito se avoga por solicitar ao Goberno central a derrogación da Ley Orgánica 2/2012, de 27 de abril, de Estabilidad Presupuestaria y Sostenibilidad Financiera, que na actualidade limita e condiciona a capacidade de gasto e de endebedamento das entidades locais. Ademais, tamén se insta á Xunta de Galicia á que elabore un plan de actuación ante a crise, que permita “actuacións consensuadas con outros concellos e coa propia Administración autonómica, fomentando a sinerxía de iniciativas e facilitando o financiamento das mesmas”. O Concello tamén defende a creación de mesas sectoriais para debater e tratar demandas e necesidades específicas de cada un dos sectores afectados pola situación actual.  

O Goberno local matiza, asemade, que actualmente os concellos xestionan arredor do 8% dos recursos do Estado, polo que “é imposible que as medidas que poidamos tomar as administracións locais teñan incidencia algunha no conxunto da economía, e moito menos tendo en conta a normativa existente en materia de control orzamentario, que restrinxe contundentemente as posibilidades de facer políticas expansivas mediante o uso de endebedamento”. O tripartito conclúe que “todas as administracións deben achegar o seu gran de area: o Estado español, a Xunta e tamén, en función das súas capacidades e competencias, os concellos”.