fbpx



O servizo de limpeza e recollida de residuos do Concello de Poio, que inclúe a retirada a domicilio de restos voluminosos, non só mantivo a súa actividade habitual durante o estado de alarma, senón que mesmo a aumentou. Así que da reflectido nun informe municipal, no que se detalla que durante o primeiro cuatrimestre de 2020 (de xaneiro a abril), rexistráronse un total de 363 chamadas.

De todas elas, máis da metade (un 53%, concretamente) foron efectuadas por veciños e veciñas de Poio en marzo e abril. Cómpre lembrar que foi o 14 de marzo cando se decretou o confinamento, mentres que a desescalada non comezou ata o presente mes de maio.

Abril foi o mes no que o servizo estivo máis activo, con 97 actuacións, dúas máis que en marzo. Previamente, entre xaneiro e febreiro recibíronse 171 solicitudes por parte de usuarios e usuarias, un 11% menos que a partir de marzo. De todas estas chamadas, 285 foron realizadas para solicitar a retirada a domicilio de residuos voluminosos, como, por exemplo, colchóns, mobiliario ou electrodomésticos de gran tamaño. Asemade, esta prestación tamén contempla outras opcións, como as solicitudes de contedores para a poda (30 en total). Neste caso, o confinamento si que se deixou notar, como reflicte o feito de que só se recibisen catro chamadas en marzo e outras tantas en abril. Ademais, no que vai de ano atendéronse 38 avisos, que facían referencia a incidencias detectadas pola cidadanía, como poden ser avarías nos contedores ou o aviso da localización dun verquido ilegal), así como outras dez chamadas solicitando información.

A tenente de alcalde, Chelo Besada, responsable do departamento de Obras e Servizos Municipais, valora de xeito positivo estes datos. “O feito de que durante o estado de alarma aumentase a demanda deste servizo fala moi ben da concienciación da veciñanza no que ao tratamento de residuos se refire”, sinala a concelleira do PSdeG-PSOE, que lembra que esta prestación ten unha frecuencia quincenal. Para solicitala, tan só é preciso solicitar cita chamando ao número de teléfono 986 771 185. O horario de atención ao público é de 9.00 a 13.00 horas, de luns a venres.

Besada explica que servizos como o de recollida de voluminosos ou o Punto Limpo Móbil, cuxa actividade reactivouse hai apenas uns días, unha vez entrada na fase 1 da desescalada, son fórmulas que se ofrecen aos veciños para garantir un tratamento axeitado dos residuos. Ademais, a tenente de alcalde tamén anima á cidadanía a poñerse en contacto co Concello no caso de que se detecte algún verquido ilegal, unha práctica que está castigada con fortes multas económicas.