fbpx

A redución da fenda dixital entre os seus usuarios e usuarias é un dos aspectos nos que está a traballar o Programa Integrado de Emprego do Concello de Poio, cuxa actividade non decaeu durante o estado de alarma. Se ben é certo que o confinamento obrigou a aprazar algunhas accións formativas, os responsables deste área, xestionada a través da Concellería de Promoción Económica, apostaron pola vía telemática para continuar mellorando a empregabilidade das persoas que toman parte neste programa.

Deste xeito, procedeuse a prestar asesoramento, por exemplo, a aquelas persoas que carecían de correo electrónico ou conta na rede social Facebook. Nesta última habilitouse un grupo de traballo, no que se actualiza información, de xeito periódico, sobre as ferramentas válidas para a busca de emprego, así como consellos e pautas de actuación, a través de titoriais e infografías. Pos outra banda, o Programa Integrado de Emprego tamén está a traballar de cara á reactivación das accións formativas paralizadas co inicio do estado de alarma. Cómpre lembrar que desde o inicio deste programa foron 13 as persoas que xa empezaron a traballar. O concelleiro responsable de Promoción Económica, Gregorio Agís, confía en que “podamos aumentar esta cifra a medida que se vaia restablecendo a normalidade, gracias ao esforzo e interese que están a amosar as persoas ás que asesoramos a través desta iniciativa”.