fbpx



Consciente da necesidade que ten o tecido empresarial, hostaleiro e comercial do municipio de adaptar os seus negocios á nova situación derivada da crise do Covid-19, o Concello de Poio ten previsto levar a cabo nas próximas semanas a iniciativa ‘Poio Confía’, que servirá para abordar cuestións chave, como a creación de espazos saudables, que cumpran coas normativas sanitarias vixentes, e a adaptación das estratexias empresariais ao novo contexto.

O obxectivo destas iniciativas, levadas a cabo de xeito coordinado polas concellerías de Turismo e Promoción Económica, é “desenvolver o potencial que ten o noso concello”, conseguindo que Poio continúe sendo un lugar “próspero e saudable”.

Deste xeito, os responsables de ambos departamentos, Silvia Díaz e Gregorio Agís, explican que, no caso da creación de espazos confiables, os negocios locais terán a posibilidade de contar un programa que incluirá, entre outros servizos, asesoramento especializado, para poder cumprir cos requisitos sanitarios establecidos para salvagardar a saúde dos cidadáns. Deste xeito, o programa ofrece visitas ‘in situ’ aos establecementos que así o demanden e se impartirán charlas sectoriais ‘on line’, a cargo de profesionais, para dar a coñecer pautas que sirvan de axuda aos negocios. Ademais, o Concello achegará asesoramento mediante canles telemáticas, dixitais e telefónica,s así como vídeos explicativos, diferenciados en función das actividades que se desenvolven. “Contaremos con profesionais ao servizo dos negocios analizando e resolvendo cada situación concreta”, sinalan os responsables destes departamentos. Co fin de potenciar estes espazos saudables, outorgarase aos establecementos que completen este itinerario un selo identificativo.

Outro aspecto no que se fará especial fincapé será na colaboración entre a cidadanía e todos os negocios locais. Para iso, está previsto que se establezan diferentes liñas de comunicación e difusión, contando coas asociacións empresariais do municipio, para crear, deste xeito, “unha rede sólida de apoio entre a veciñanza e o sector”. O proxecto está encamiñado en crear e dar a coñecer unha marca propia dos negocios locais de Poio, para promover o consumo e as compras de proximidade, que será facilmente identificable nas redes sociais a través dos hashtags #ConfíoenPoio e #MercoEnPoio.