fbpx



Logo das medidas aplicadas en Combarro para mellorar a mobilidade peonil, de xeito que se garanta o tránsito de viandantes facilitándose tamén o cumprimento das distancias de seguridade que recomendan as autoridades sanitarias, este plan desenvolverase tamén na contorna do peirao de Raxó, onde quedará prohibida a circulación no tramo da praia de Raxó para os vehículos que accedan desde a PO-308.

Todos eles serán desviados cara o aparcamento disuasorio situado no núcleo da parroquia. Só se permitirá a entrada de automóbiles de servizos e de residentes. Esta medida foi debidamente informada ao Concello de Sanxenxo, xa que parte da zona pertence á parroquia de Dorrón. Tal e como lembra a Policía Local, esta fórmula xa se aplica habitualmente nos veráns e facilita non só o tránsito de peóns, senón tamén a instalación de terrazas. Neste sentido, non hai que esquecer que o Concello ben de aprobar unha instrución temporal que permite a ocupación de espazos públicos a establecementos hostaleiros, de xeito que poidan instalar cadeiras e mesas, de maneira excepcional, ata poder cubrir o 50% do aforo que marca actualmente o proceso de desescalada.

A concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, sinala que “se non aplicamos o peche da rúa ao tráfico rodado non quedaría espazo suficiente para peóns, terrazas e vehículos autorizados á hora de manter o distanciamento necesario”. Estas medidas permanecerán vixentes ata que non se retome a normalidade. Tanto no caso das recomendacións realizadas para o tránsito en Combarro (no centro histórico e en Francisco Regalado) como nas medidas de Raxó, o Concello ofrece nos seus perfís oficiais en redes sociais mapas interactivos onde se detallan estas fórmulas.