fbpx

A Concellería de Promoción Económica, a través do seu Servizo de Orientación Laboral, pon a disposición da veciñanza unha ferramenta virtual, chamada Guía de Procura de Emprego en Tempos de Coronavirus, destinada a todas as persoas que estean inmersas na busca de traballo ou interesadas en mellorar a súa formación neste contexto provocado pola expansión da Covid-19.

O documento inclúe preto dun cento de ligazóns e portais especializados, nos que se achega todo tipo de información sobre o mercado laboral. Neste sentido, o responsable deste departamento, Gregorio Agís, lembra que “a situación actual quedou moi afectada pola crise derivada desta situación sanitaria, polo que é preciso dotar á xente de ferramentas que lles poida axudar en materia de asesoramento, formación e coñecementos”. Neste sentido, o concelleiro do PSdeG-PSOE tamén incide en que a orientadora laboral está a disposición da veciñanza para resolver calquera tipo de dúbida. Iso si, insta aos interesados e interesadas a que realicen as xestións pertinentes de xeito telemático, ben sexa enviando un correo electrónico á dirección Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou chamando ao número de teléfono 986770001 (extensión 1502).

Así, entre as ligazóns que forman parte desta guía aparecen as vencelladas a portais de emprego ou webs especializadas en sectores e colectivos, en función do rango de idade ou especialización profesional. Ademais, tamén se poñen a disposición buscadores de emprego e apps e redes sociais específicas sobre isto. Simuladores de entrevistas de traballo ‘on line’, cursos gratuítos formativos ou espazos nos que se recollen pautas a seguir para o reforzo do CV son algúns dos links que tamén se inclúen nesta guía, que está dispoñible nos perfís oficiais do Concello en redes sociais.

Desde que comezase o estado de alarma, a Concellería de Promoción xa impulsou varias iniciativas en chave informativa similares, como a creación dun mapa virtual no que se inclúen os negocios de primeira necesidade no municipio.