fbpx

O Concello de Poio está levando a cabo unha serie de medidas no que a mobilidade e tráfico peonil  se refire, co obxectivo de facilitar o distanciamento, á hora de transitar pola rúa, que as autoridades sanitarias recomendan para evitar posibles contaxios da Covid-19. En concreto, este plan, que permanecerá en vigor mentres dure o proceso de desescalada, centrarase en dous emprazamentos concretos: a avenida Francisco Regalado e no Centro Histórico de Combarro.

No caso de Francisco Regalado, habilitarase unha zona peonil á altura do enlace coa PO-308 situado á altura no núcleo urbano da parroquia. Trátase dun emprazamento que carece de beirarrúa e que, a instalación de pivotes, ofrecerá un maior espazo para os viandantes. Ademais, implantaranse carrís peonís de sentido único, seguindo o modelo que a Policía Local xa implantara durante o estado de alarma na Ponte da Barca, en colaboración co Concello de Pontevedra. Deste xeito, instarase á cidadanía a que circule pola man dereita. Con respecto ao núcleo histórico da parroquia, establécese unha rúa de entrada e outra de saída, o que servirá para impedir aglomeracións no tránsito peonil.

A concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, apela á responsabilidade á hora de dar cumprimento a estas medidas, que responden a unha serie de peticións realizadas pola veciñanza e que axudarán a que non se produzan cruces entre peóns á hora de camiñar por estes emprazamentos. “Estamos a falar de zonas nas que, coa chegada do verán, empeza a aumentar o número de visitantes, polo que buscamos garantir as medidas de distanciamento necesarias”, indica Caldas Moreira.