fbpx

A Concellería de Festexos contempla diferentes escenarios con respecto ás festas e eventos lúdicos do verán. O titular deste departamento, Xosé Luís Martínez, ten claro que o Concello actuará “en función do que nos permitan as autoridades competentes”.

No caso das Festas de San Xoán, o edil do Goberno local entende que a día de hoxe falar dunha suspensión total das celebracións “é algo prematuro”, posto que esa medida afectaría “de xeito prexudicial a moitos sectores do noso municipio”. Ademais, considera que esa decisión dependerá das directrices que adopte a Xunta de Galicia unha vez se complete o proceso de desescalada e chegue a nova normalidade. “É a Administración autonómica a que terá a última palabra sobre as festas e verbenas de verán vanse poder levar a cabo. Nós, de momento, mantémonos á espera do que decida a Xunta sobre esta cuestión”, incidiu Martínez, que salienta que, mentres o Goberno autonómico non se pronuncie ímonos manter á espera, pero non só no caso de San Xoán, senón tamén doutros eventos que se celebran habitualmente ao longo do verán”.

En todo caso, o edil de Festexos sinala que, en caso de que as festas non se poidan celebrar, todas as contratacións manteríanse de cara á edición de 2021. “Xa abordamos este tema cos afectados e están sobre aviso, o cal tamén nos permite ter algo máis de marxe á hora de actuar en canto a Xunta de Galicia aclare as cousas”, indicou Xosé Luís Martínez, que insiste en que este tipo de eventos son grandes dinamizadores do tecido económico e social de Poio. Ademais, o concelleiro do BNG ten claro que o Concello está preparado para adaptarse ás circunstancias. “Nós sempre imos cumprir co que establezan as autoridades competentes. Contamos con espazos o suficientemente grandes para desenvolver actividades respectando aforos e distancias”, sinala o titular do departamento de Festexos.

De feito, o Concello tamén contempla a posibilidade de apostar por outras actividades alternativas en caso de que finalmente a programación non se poida levar a cabo de xeito tradicional. Neste sentido, trataríase de ofrecer iniciativas para grupos reducidos, cos pertinentes controis de aforo, e continuar apostando polas redes sociais como vehículo difusor de eventos, tal e como xa se fixo con éxito en citas como o Día do Libro ou a Festa dos Maios.