fbpx


O pago de alugueres, o reparto de vales de compra ou a adquisición directa de alimentos e artigos de primeira necesidade para persoas en risco de exclusión son algunhas das iniciativas que se están a realizar. Unhas 80 familias vense beneficiadas a través desta liña de actuación do Concello, que tamén segue moi pendente dos veciños e veciñas infectados ou en cuarentena que carecen de familiares ou achegados, aos que se lles achega a compra ao domicilio e se lles retira o lixo.

Desde que se decretara o estado de alarma vixente o pasado 14 de marzo, o Concello de Poio, a través do departamento de Servizos Sociais, destinou xa preto de 8.000 euros para axudar ás persoas que se atopan nunha situación de risco e exclusión. Un mes despois de que comezara o confinamento, unhas 80 familias sen recursos do municipio de Poio víronse beneficiadas por esta liña de axudas, que inclúe, entre outras medidas, a entrega de vales de compra para alimentos ou o reparto de produtos de primeira necesidade, entre os que tamén se atopan alimentos ou medicinas. Ademais, a Concellería de Benestar Social tamén está asumindo aqueles custes derivados do aluger de persoas que non poden facer fronte a estes pagos.

A titular responsable deste área, a socialista Rosa Fernández, detalla que “xa levamos repartidos 77 vales de compra, cuxa contía total roldan os 1.500 euros aproximadamente”. Ademais, só na última semana achegáronse outros 2.000 para alugeres. Trátase de cartos que proveñen das arcas municipais e, máis concretamente, da partida destinada a Emerxencias. En moitas ocasións, son os propios operarios municipais os que levan a cabo a compra de alimentos, para, posteriormente, xestionar o seu reparto. “Centrámonos sobre todo en tratar de ofrecer produtos que a xente precisa para poder cociñar”. Pero a alimentación non é o único punto no que afonda Servizos Sociais, xa que, tal e como explica a propia concelleira de Benestar Social, “tamén estamos moi pendentes de que a xente que non dispón de recursos económicos conte con produtos de limpeza e de hixiene persoal, que tamén son de primeira necesidade”.

Ademais das familias en situación de risco, o departamento municipal está moi pendente daqueles veciños e veciñas infectados polo Covid-19 ou que se atopen en cuarentena, para levarlles a compra aos seus domicilios. O Concello tamén se encarga de retirarlles os restos do lixo. Trátase de casos moi puntuais, nos que os afectados non contan con familiares ou achegados que lles poidan prestar auxilio, tal e como lembra Rosa Fernández.

Por último, a concelleira de Benestar Social expresou o seu agradecemento ás empresas que nas últimas semanas están realizando doazóns, de xeito desinteresado, de diferentes alimentos. Este é o caso, por exemplo, de entidades locais como Dis-Nieto ou  o Bar A Seca, que fixeron entrega, respectivamente, de 600 litros de leite e lotes de produtos alimenticios. “Toda esta axuda é unha gran achega de moito valor”, sinala Fernández, que tamén salienta que se están a realizar doazóns por parte de particulares. “hoxe mesmo unha veciña á que lle fomos repartir mascarillas fíxonos entrega de alimentos. Todo o que recibamos é benvido, porque redunda no benestar das familias máis necesitadas”, indica a edil socialista.