fbpx



O Concello de Poio está estudando fórmulas para tratar de axudar, dentro das súas posibilidades, a algúns dos sectores máis afectados pola crise xerada pola expansión do Covid-19, como poden ser o hostaleiro e boa parte do comercio local. Trátanse de actividades que permanecen paralizadas desde que se decretara o vixente estado de alarma, a mediados do pasado mes de marzo.

Tal e como indica o concelleiro de Economía, Xulio Barreiro, os técnicos municipais están traballando neste plan, que debe cumprir “de xeito escrupuloso” coas pautas que establecen as normativas vixentes en clave tributaria e de Facenda.

Neste marco de actuacións, cómpre lembrar que o Concello aposta por suspender o período de pago en voluntaria de varias tasas, entre as que se inclúen as tramitadas a través do ORAL, como son o imposto de vehículos, o IBI ou os vados, entre outros. Estas suspensións tamén se aplicarán a servizos tan importantes como o abastecemento ou a recollida do lixo e veranse reflectidos no recibo correspondente ao segundo bimestre do ano (marzo e abril).

A maiores, desenvólvese un estudo para analizar o impacto económico da crise entre o comercio e a hostalería. Sobre este último, cómpre lembrar xa se deu luz verde á activación dalgunhas actuacións, como a que fai referencia á devolución da parte proporcional correspondente ao tempo durante o cal non se poida realizar a actividade, como consecuencia do estado de alarma. Esta medida vai dirixida fundamentalmente a aqueles establecementos de restauración que contan con terrazas instaladas na vía pública, así como para os comerciantes do mercadillo de Combarro.

Por outra banda, esta mañá tivo lugar a Xunta de Voceiros, vía telemática, na que se deu conta xa doutras medidas paliativas impulsadas por concellerías como a de Deportes, que, tal e como se anunciou o mércores, realizará descontos aos usuarios e usuarias das Escolas Deportivas nas inscricións da vindeira temporada, para compensar a suspensión actual das actividades. Isto non suporá perdas para os clubs, xa que esa diferenza económica será asumida polas arcas municipais. Con respecto ao ximnasio municipal, a aqueles usuarios e usuarias que xa pagaran a cuota correspondente ao mes de marzo se lles aplicará un desconto en canto se poidan reabrir as instalacións. Tamén se suspenderán os recibos correspondentes ao tempo que permanezan pechadas estas dependencias.