fbpx

O Concello de Poio continúa co reparto de mascarillas e material de protección entre aqueles profesionais, traballadores e colectivos que, debido á súa actividade, están máis expostos ante o Covid-19.

Na xornada do pasado venres, responsables da Policía Local e de Protección Civil fixeron entrega de luvas, máscaras integrais e mascarillas aos responsables do servizo de gardacostas da Confraría de San Telmo. “Queremos que os profesionais que continúan operativos durante o estado de alarma e confinamento conten coas máximas garantías posibles de protección”, sinalan os integrantes da Comisión de Emerxencias do Covid-19. Cómpre lembrar que nos últimos días tamén se procedeu a repartir mascarillas entre os mariñeiros do sector pesqueiro a flote que continúan traballando, así como entre o comercio local que permanece operativo, como é o caso das tendas de alimentación, por exemplo.

Por outra banda, a Comisión de Emerxencias do Covid-19 confirmou hoxe que o vindeiro luns incorporaranse tres brigadas para reforzar as tarefas de limpeza en camiños do rural das parroquias de Poio. Nestes dispositivos utilizaranse tres tractores. O Concello agradece a implicación dos veciños que van colaborar nestas tarefas, de xeito totalmente altruísta. Ademais destes voluntarios, as brigadas estarán compostas por persoal municipal e membros de Protección Civil. Os traballos servirán para reforzar os que ven desempeñando tanto o propio Concello como a empresa responsable da recollida do lixo, Valoriza, que periodicamente procede á desinfección de núcleos, facendo especial fincapé nas inmediacións de supermercados, Centros de Saúde ou farmacias. Ademais, estes labores estanse realizando no rural cada 3 ou 4 días.