fbpx

A empresa concesionaria está a limpar unha media de 60 recipientes diarios cun tratamento máis exhaustivo do habitual. O Concello descarta manter abertos os recipientes de carga traseira por motivos de hixiene e insta á poboación a cumprir coas medidas hixiénicas recomendadas polas autoridades sanitarias, como a utilización de luvas e o lavado exhaustivo de mans con auga e xabrón.

Un dos traballos de limpeza e desinfección nos que se está a facer especial fincapé desde o inicio do estado de alarma son os correspondentes á posta a punto dos colectores do lixo. Precisamente, durante os últimos días a empresa concesionaria da recollida de residuos, Valoriza, a piques de concluír o lavado dos 328 recipientes de carga lateral distribuídos polas parroquias do municipio. Segundo os cálculos da firma, estanse limpando unha media de 60 colectores diarios. A todos eles se lles está a aplicar un tratamento máis exhaustivo do habitual, para garantir a súa desinfección ao 100%.

Durante estes días os traballos céntranse sobre todo nos contedores de carga lateral de fracción resto. Ao longo da vindeira semana os operarios centraranse na posta a punto dos 308 de carga traseira. O contrato establece unha periodicidade de dúas sesión de lavado no inverno e tres no verán. Non obstante, en caso de que o estado de alarma se amplíe, poderíase ampliar este número de actuacións. Por outra banda, o Concello descarta deixar os recipientes de carga traseira abertos durante estas semanas. Tale e como consta nun informe elaborado polo inxeniero municipal, esta medida non figura nas instruccións sobre xestión de residuos emitidas por mor da crisis sanitaria do Covid-19.  O documento desaconsella este método por varias razóns. Unha delas é polo aumento das horas de luz, que acelera a descomposición dos restos. Ademais, o feito de deixar abertos os contedores podería servir para atraer a animais e insectos e xerar malos cheiros.

O Concello tamén lembra as recomendacións marcadas polas autoridades sanitarias á hora de tratar o lixo, que deben ser especialmente coidadosas naqueles domicilios nos que habiten persoas infectadas. Os residuos xerados polos pacientes deberán tirarse nunha bolsa, que será introducida nunha segunda bolsa, xunto ao material de protección. Todo isto depositarase no cubo de fracción resto. Ademais da utilización de luvas para tirar o lixo, ínstase á poboación a lavar as mans con auga e xabrón durante un período de tempo de entre 40 e 60 segundos unha vez depositados os residuos no contedor correspondente.

Ademais da desinfección dos colectores do lixo, cómpre lembrar que a Comisión de Seguimento do Covid-19 acordou no inicio do confinamento solicitar á empresa concesionaria o reforzo destas tarefas de limpeza nas inmediacións dalgúns dos locais e establecementos de primeira necesidade, como é o caso de supermercados, tendas de alimentación e farmacias, así como Centros de Saúde, nos que o persoal municipal tamén actúa de xeito periódico, igual que nas dependencias da Policía Local ou na Casa Consistorial. Por outra banda, estase a proceder a recoller o lixo a domicilio en media ducia de domicilios nos que habitan veciños que actualmente se atopan en cuarentena. A concelleira de Servizos e tenente de alcalde, Chelo Besada, agradece a colaboración e implicación de Valoriza e do seu persoal, xa que “algúns destes traballos non figuran no prego de condicións e os están asumindo a maiores, o cal é de valorar”.