fbpx

A concelleira de Educación amósase orgullosa do esforzo do alumnado nestas semanas de confinamento e resalta o contacto permanente entre o Concello e as direccións dos centros, de cara a atender as necesidades da comunidade educativa.

De que xeito se coordina a actividade educativa nestes tempos de confinamento?

A Concellería de Educación vén mantendo unha liña de comunicación aberta e fluída con todos os centros desde o intre no que a Xunta de Galicia decretara o peche de colexios e institutos. Non hai que esquecer que o Concello debe manter operativas as súas competencias nestas instalacións, que atañen á limpeza e o mantemento. Actualmente estanse a desenvolver revisións periódicas, unha vez coordinados os peches. Sen embargo, tamén falamos coas directoras e directores para estar pendentes das necesidades do alumnado.

Como están afrontando os estudantes esta situación?

Hai que valorar o seu esforzo como merece. Durante as primeiras semanas do estado de alarma, o alumnado estivo realizando as tarefas e actividades propostas polo profesorado, a través de aulas virtuais, correos electrónicos e outras metodoloxías. Son tarefas que non requirían de dotación de material físico, escaneado ou fotocopiado.

De que xeito se vai proceder mentres se manteña esta situación?

Hai que ter en conta que aínda non sabemos o que vai ocorrer coa terceira avaliación. Estamos pendentes do que dictamine a Consellería de Educación. Iso será a partir do 13 de abril, despois das vacacións de Semana Santa. Pola nosa banda, seguimos en contacto permanente coas direccións dos centros.

Existen alumnos alumnos que precisen axuda?

Estase facendo un traballo de seguimento, en coordinación co departamento de Servizos Sociais. Existe un traballo conxunto para estar pendentes de nenos que, segundo as circunstancias, precisasen dalgún tipo de axuda. Daráselle resposta  ás súas necesidades, previo contacto coas direccións dos centros educativos. Así quedou xa constatado na Comisión de Seguimento do Covid-19 do 2 de abril.

Que mensaxe lle enviaría ao alumnado de Poio?

Ante todo, gustaríame felicitalos, porque esta situación non é doada para ninguén e aínda menos para a rapazada. Para este Concello é un orgullo ver como durante este confinamento continúan coas súas tarefas. Ogallá este contexto mude pronto e os nenos e nenas poidan volver a estar en clase, coas súas amizades e compañeiros de estudios, e tamén a gozar dos espazos públicos en canto antes.