fbpx

A mellor gardarredes de fútbol sala do mundo é profeta na súa terra. Hai uns días confirmábase este novo éxito da capitana do Poio Pescamar, campiona de Europa coa selección española, a través da votación realizada pola prestixiosa publicación Futsalplanet. Con 719 votos, a deportista poiense foi nomeanada a mellor a nivel mundial no ano 2019, mellorando así o segundo posto acadado en 2018.

A nosa veciña comparte con nós as súas sensacións despois deste fito histórico, ademais de contarnos como leva o actual confinamento e o moito que lle gustaría poñer a guinda á súa carreira como deportista gañando un título co club da súa vila.

Que se sinte ao ser elixida a mellor do mundo no seu posto?

Para min é un auténtico orgullo recibir este recoñecemento. O simple feito de ficar na lista das dez mellores xa era un premio, así que foi toda unha sorpresa e unha ledicia enorme. Pero son moi consciente de que isto non é só mérito meu, senón tamén do gran traballo que se fai a nivel do club e do incrible nivel de xogadoras que me rodean, tanto no meu equipo como na selección español.

Sorpréndelle o nomeamento?

Si, a verdade é que foi toda unha sorpresa, nunca me imaxinara recibindo un recoñecemento deste tipo.

O feito de conseguir este recoñecemento defendendo as cores do Poio Pescamar, faino máis especial?

É moi especial polo feito de poder levar o nome do meu clube e da miña terra ao máis alto

A quen llo adica?

Adícollo sobre todo á miña familia, porque sempre me apoiou, tanto cando as cousas non ían ben como agora. Sempre me apoio neles, merecen esta ledicia máis ca ninguén, porque, sen eles, nada disto sería posible.

A nova chegou nun contexto especial, en pleno confinamento por mor do Covid-19. Como afronta esta situación?

É unha situación excepcional e totalmente nova para todos nós. Intento adaptarme o mellor posible, pero é compricado. O club envíanos unha serie de traballos semanais que nos axudan a manternos en forma e, ao mesmo tempo, axudan a romper un pouco a monotonía destes días. Ogallá que todo isto termine o antes posible, para que a xente poida retomar, na medida do posible, a súa vida normal.

Que obxectivos lle gustaría acadar no tempo que dure a súa carreira coma deportista?

Gustaríame gañar algún título importante co Poio Pescamar. Sería a guinda perfecta para a miña carreira. O club está a traballar moi duro para lograr este obxectivo e estou segura de que eses triunfos chegarán antes do que pensamos.