fbpx

O departamento contacta semanalmente cos 122 usuarios, ben por correo electrónico ou por teléfono, para proporlle tarefas do Taller de Memoria ou de ximnasia, que lles axuden a manter unha rutina.

Servizos Sociais tamén está moi pendente das persoas maiores por se precisasen dalgún tipo de axuda, especialmente no caso daquelas que vivan soas.

Unha das recomendacións a cumprir na que fan especial fincapé os expertos nesta época de confinamento é manter, na medida do posible, unha rutina. Esta proposta faise aínda máis necesaria no caso da xente maior. É por iso polo que, aínda que o estado de alarma e as medidas adoptadas para evitar a propagación do Covid-19 obrigaron a suspender calquera tipo de iniciativa colectiva, así como o peche ao público de instalacións lúdicas, culturais ou deportivas, a Concellería de Benestar Social non renuncia a ofrecer aos inscritos no programa Saudemente a continuar realizando actividades e exercicios que lles axude a manterse activos e ocupados dentro das súas vivendas.

A concelleira responsable deste departamento, Rosa Fernández, explicou que o monitor responsable de iniciativas como o Taller de Memoria ou a ximnasia de mantemento mantense en contacto permanente cos maiores anotados nestas actividades. “Estamos a falar de 122 veciños que teñen unha medida de idade aproximada de 80 anos e para os que estas iniciativas son moi importantes”, indica a edil socialista. É por iso polo que, cada semana, se realizan chamadas telefónicas a todos eles, para “preguntarlles se precisan algo e tamén para recomendarlles que realicen nas súas casas tarefas e exercicios que se fan habitualmente a través das actividades de Saudemente”. Este programa leva varios anos desenvolvéndose cun gran éxito de participación na Casa Rosada e en diferentes puntos do municipio, como son Raxó, Samieira, Combarro, Vilariño, A Seca e Campelo.

No caso das persoas que viven soas, realízanse chamadas telefónicas e, ademais, ponse á súa disposición o número de teléfono de Servizos Sociais, por se fose preciso axudalos en algo. Ademais, a aqueles inscritos que viven con familiares tamén se lles envía un correo electrónico, no que se inclúen fichas de traballo para que durante a semana fagan os seus exercicios de memoria. O Concello de Poio é consciente de que a xente maior é un dos grupos de risco en caso de exposición ao coronavirus, polo que insiste na necesidade de que toda a veciñanza cumpra coas directrices marcadas polo estado de alarma decretado hai dez días, e que permanecerá vixente, como mínimo, ata o vindeiro 11 de abril. A Concellería de Benestar Social lembra que o teléfono de atención ao público (986872401) permanece operativo en horario de 9.00 a 14.00 horas polas mañás e de 16.00 a 21.00 horas polas tardes, fines de semana incluídos.