fbpx

O local permanecía pechado ao público, pero as persoas de confianza podían acceder ao mesmo a través dunha porta secundaria. Nos últimos días tamén foron identificadas outras catros persoas, dúas por pasear pola vía pública sen xustificación e outros dous individuos por rondar as inmediacións de varias vivendas en Peirao Besada en actitude sospeitosa.

A Comisión de Seguimento do Covid-19 manterá mañá xoves, ás 13.00 horas, unha nova sesión para analizar a evolución da situación e das medidas adoptadas para tratar de frear a propagación do virus.

A Policía Local de Poio identificou á responsable dun establecemento de hostalería do municipio por permitir a entrada ao seu negocio, pechado de cara ao público, de xeito furtivo, a algúns clientes habituais, que tamén foron identificados polo corpo de seguridade. Ao parecer, a titular do local permitía o aceso a estas persoas a través dunha entrada secundaria e non a través da principal. Os axentes localizaron a dous veciños tomando café no seu interior, o que supón un flagrante incumprimento das directrices establecidas polo estado de alarma. Actualmente só se permite o funcionamento de supermercados, farmacias, gasolineiras ou doutras entidades que ofrezan servizos de primeira necesidade. Ademais, tampouco está permitido aos cidadáns saír á rúa sen unha causa debidamente xustificada.

A Policía Local continuará efectuando vixías periódicas para garantir o cumprimento do estado de alarma. Ademais, froito das roldas e patrullas levadas a cabo nos últimos días tamén se identificou a un veciño de Pontevedra que foi interceptado mentres se desprazaba en bicicleta por Lourido. O individuo alegou que se dirixía ao domicilio dun amigo, unha opción que tampouco contempla o decreto. A maiores, os axentes tramitaron a pertinente apertura de expediente a un home que tamén saíu a dar un paseo, despois de que fixese caso omiso dun primeiro requirimento.

Por último, o corpo de seguridade poiense tamén localizou a dúas persoas que merodeaban, en actitude sospeitosa, polas inmediacións de varias vivendas na avenida Peirao Besada, na parroquia de San Salvador. Os sospeitosos contan con antecedentes policiais. Os axentes, que acudiron a raíz da chamada dun veciño, cren que estes individuos pretendían aproveitar un posible despiste dos habitantes das vivendas para roubar. A Policía Local enviará todas estas dilixencias á Subdelegación do Goberno en Pontevedra, para que tramite as pertinentes sancións. Neste sentido, lémbrase que as multas por incumprir os requisitos do estado de alarma poden oscilar entre os 601 e os 30.000 euros, en función da gravidade. Nos casos máis estremos, mesmo se tipifican penas de prisión de tres a doce meses, así como sancións de ata 600.000 euros.

Á marxe destes incidentes, a Concellería de Seguridade Cidadá agradece, unha vez máis, o “exemplo” que está dando a veciñanza de Poio á hora de seguir as directrices de confinamento decretadas para frear o avance do Covid-19.