fbpx

A iniciativa, que se desenvolverá a través dun convenio co Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), terá lugar na Seca e busca fomentar o interese da cidadanía en colaborar coa agrupación, que actualmente conta con 32 integrantes.

Durante o ano 2019, o colectivo poiense participou en 572 intervencións, ás que hai que sumar a retirada de máis de 200 niños de vespa velutina. Os integrantes de Protección Civil colaboraron na organización de eventos, na extinción de 18 incendios ou participaron nos operativos de auxilio en 23 accidentes de tráfico, entre outras incidencias

Poio, 9 de marzo de 2020.- Protección Civil de Poio ten previsto desenvolver un curso básico de iniciación para voluntarios. Trátase dunha actividade que terá lugar o vindeiro mes de xuño na sede da agrupación, situada na Seca (San Xoán), que se realiza a través dun convenio asinado coa Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP). O máximo responsable do colectivo, Manuel Vicente, lembra que o obradoiro está dirixido a persoas maiores de 16 anos que estean interesados en “formar parte nesta familiar de voluntarios”. A sesión servirá para dotar aos asistentes de conceptos e coñecementos vencellados ás iniciativas que realiza Protección Civil, como a colaboración na organización de dispositivos en probas deportivas ou eventos culturais ou intervencións en emerxencias e accidentes, así como a dotación de pautas en clave sanitaria ou marítima.

A formación é un dos eidos no que fai especial fincapé esta agrupación, como o amosan as 742 horas invertidas durante 2019, a través da participación en diferentes cursos. Así, 20 voluntarios tomaron parte en doce actividades formativas, das cales dúas foron realizadas en Poio, tamén a través da AGASP. Dous integrantes da asociación colaboran coa academia galega exercendo de instrutores noutros obradoiros que se levan a cabo na provincia de Pontevedra.

Na actualidade, o grupo de voluntarios de Poio conta con 32 integrantes, de diferentes idades e que desenvolven un labor moi importante, xa que, tal e como lembra o propio Vicente Caamaño, “en moitas ocasións somos nós os primeiros en chegar aos lugares do concello no que se produce unha emerxencias”. Só durante o ano 2019, Protección Civil

levou a cabo un total de 572 servizos, repartidos en 207 saídas, aos que hai que engadir as 231 intervencións vencelladas a avisos e retiradas de niños de vespas velutinas. “Estamos a falar de máis de 803 actuacións en total”, salienta Manuel Vicente, que cifra en 603 os avisos xestionados que foron realizados a través da Central de Emerxencias 112 Galicia. No que respecta ao reparto destas actuacións, un total de 98 consistiron en colaboracións directas co Concello, a través da participación en dispositivos para a celebración de 28 actividades deportivas e 41 culturais, entre as que se inclúen festas, desfiles ou concertos.

No apartado de sucesos, Protección Civil prestou o seu apoio ás autoridades e servizos sanitarios en 23 accidentes de tráfico, ademais de realizar 21 traballos de limpeza e intervención en rúas, debido a sinistros, verquidos ou retirada de obstáculos. Ademais, participaron na extinción de 18 incendios, oito dos cales foron en interior de vivendas, seis forestais e tres en contedores de lixo. Establecéronse 36 sesións de vixía da Variante Espiritual do Camiño Portugués, que conta cun tramo que cruza algunhas parroquias de Poio, colaborouse en sete operativos de busca e rescates de persoas e se auxiliou a catro persoas que quedaron pechadas na casa.

Ademais, os voluntarios poienses tamén prestaron a súa axuda en sucesos, eventos e incidencias noutros concellos. Este foi o caso, por exemplo, de Pontevedra, onde se colaborou na extinción do incendio do asteleiro dos Praceres o pasado outono, a petición do 112. Algúns voluntarios tamén se desprazaron ata Marín para axudar noutro incendio nunha vivenda, así como no operativo de seguridade desenvolvido en Vigo co gallo do acendido das luces de Nadal a finais de novembro.

O bo traballo de Protección Civil de Poio levoulle a recibir no pasado mes de outubro a Placa de Oro al Mérito, por parte da Asociación Nacional de Agrupaciones y Asociaciones de Voluntarios de Protección Civil de España. “Estamos moi orgullosos do traballo desenvolto polos nosos compañeiros. Somos un equipo humano de enorme grandeza e alta experiencia profesional”, indiciou Vicente Caamaño, que lembra que os voluntarios levan a cabo estas actividades de xeito altruísta.

VELUTINA

Polo que respecta á loita contra a vespa velutina, a Concellería de Medio Ambiente informa de que Protección Civil procedeu á eliminación de 266 niños, detectados a raíz de 381 avisos. Todos eles foron localizados, visitados e tratados. En total, os voluntarios fixeron 174 saídas de recoñecemento, máis 59 para proceder á supresión das colonias, cun mínimo de dous integrantes por desprazamento e cunha media de 3 horas por asistencia neste eido.