fbpx

Case a metade desta contía (concretamente, 1.094.000 euros) irán destinados a diferentes investimentos.

O informe de Intervención certifica a tendencia dos últimos anos e constata un nivel de execución da partida do exercicio pasado nun 97,4% no apartado de ingresos e un 96,8% no de gastos.

Poio, 24 de febreiro de 2020.- O peche e liquidación do Orzamento municipal correspondente ao ano 2019 será un dos asuntos a tratar no Pleno ordinario deste martes, que dará comezo ás 19.30 horas. Se ben a cifra inicial quedara fixada en 12.646.000 euros, o crédito final ascendeu a máis de 17,4 millóns. O concelleiro de Economía e Facenda, Xulio Barreiro, explica que esta diferencia atende “a criterios de prudencia”, xa que “ao longo do ano recibimos achegas que inicialmente non se contemplan no documento”.

Tal e como se reflicte no informe elaborado polo departamento de Intervención, a día 31 de decembro do ano pasado o Remanente de Tesourería ascende a 2,4 millóns de euros, unha cantidade que “segue a tendencia que vimos marcando ao longo dos últimos anos”, salienta Barreiro. Este remanente é un indicador moi importante á hora de valorar a solvencia financieira a curto prazo da Administración local. O seu cálculo é a suma dos fondos líquidos, máis os dereitos pendentes de cobro, deducíndose as obrigas pendentes de pago e engadindo as achegas tamén pendentes de aplicación. Destes  2,4 millóns de euros, preto do 50% (concretamente, 1.094.000 euros) destinaranse a investimentos, tal e como garantiu o concelleiro de Facendo. O resto corresponde a obras “que xa están comprometidas ou en marcha”. Unha das actuacións que se acometeu recentemente a través de parte do Remanente de Tesourería foi o do novo vial da Caeira, por exemplo.En canto ao nivel de execución do Orzamento do ano pasado, o informe de Intervención constata que os ingresos completáronse ao 97,4%. A porcentaxe correspondente aos gastos quedou fixada nun 96,8%. “Estas datos falan da eficacia da xestión que se vén desenvolvendo ao longo dos últimos exercicios”, sinala o concelleiro do departamento de Economía e Facenda, que engade que á conclusión do exercicio pasado o Concello dispón de preto de tres millóns de euros nas súas contas bancarias. Con respecto á orde do día do Pleno, a Corporación tamén analizará, entre outros temas, a terceira prórroga do contrato de arrendamento do local situado en Costa Xiráldez, así como unha moción sobre a mellora da estrada PO-303, que une o municipio con Meaño, impulsada na vila veciña pola agrupación Meaño Independiente (MI). Ademais, aprobarase unha moción consensuada entre todos os grupos sobre o 8M, Día Internacional das Mulleres.