fbpx

O Goberno local quere impulsar esta actuación, que forma parte do pacto asinado por BNG, PSOE e Avante Poio, en dous zonas ideais polo seu emprazamento e por contar con diferentes servizos próximos

Na actualidade Poio conta con 43 zonas verdes, 23 das cales son áreas de xogos para os cativos, repartidas nunha extensión que supera os 90.000 metros cadrados (5,3 por habitante).

Poio, 20 de febreiro de 2020.- O Concello de Poio acaba de encargar a elaboración dun anteproxecto para dotar a Lourido, na parroquia de San Salvador, e A Seca, pertencente a San Xoán, de dous parques infantís de grandes dimensións. Con esta medida actívase os trámites administrativos e burocráticos para facer realidade unha das actuacións comprometidas polo Bloque Nacionalista Galego (BNG), PSdeG-PSOE e Avante Poio á hora de asinar o pacto de Goberno vixente. O tripartito entende que é preciso dotar ao municipio de dous novos espazos de lecer cunha capacidade superior aos que xa existen actualmente nos diferentes núcleos das cinco parroquias do concello. Despois de analizar varias opcións, os dirixentes entenden que tanto Lourido como A Seca reúnen as condicións ideais para acoller estas infraestruturas. “Contan con áreas o suficientemente amplas, ademais de servizos, quioscos e prazas para aparcar”, indican os responsables do Goberno local, que teñen claro que a posta en marcha deste proxecto servirá para ofrecer á cidadanía “novos puntos de encontro para fomentar a convivencia e as xornadas en familia”.

O Concello de Poio concédelle unha importancia capital aos espazos verdes e públicos, toda vez que desenvolven un rol fundamental desde o punto de vista social e medio ambiental. Contar con estas áreas resulta indispensable para mellorar non só a calidade do aire, senón tamén da vida das veciñas e veciños. Precisamente, no Plan de Mobilidade, aprobado a finais do ano pasado, saliéntase a relevancia destes espazos. A día de hoxe, o municipio conta con máis de 91.000 metros cadrados de zonas verdes, repartidas en 43 emprazamentos distintos (18 en San Salvador, 13 en San Xoán, 5 en Samieira, 4 en Combarro e 3 en Raxó), o que se traduce nunha media aproximada de 5,3 metros cadrados por habitante. Máis da metade destas áreas corresponden, precisamente, a parques infantís (23). Ademais, nos últimos anos fóronse instalando máis de media ducia de parques biosaudables.