fbpx

A cita dará comezo ás 18.00 horas, nunha carpa na que se ofrecerán degustacións gratuítas, obradoiros para nenos e moitas outras sorpresas

O domingo terá lugar o Desfile, no que se desvelará o deseño do Galo Fodorico Agusto Bastante, no que xa está confirmada a participación de varios grupos, así como de parellas e disfraces individuais, tanto en categoría de adultos como infantil.

Poio, 20 de febreiro de 2020.- O Entroido de Poio comeza mañá en chave gastronómica, cunha das grandes novidades da programación. A Praza do Mosteiro acollerá, a partires das 18.00 horas, a Festa da Filloa. Trátase dunha cita que organiza por primeira vez o Concello e que incluirá, ademais de degustacións gratuítas, actividades para os máis cativos, bailes e moita troula. Habilitarase unha carpa nas inmediacións do Concello para dar cabida a estas iniciativas. Este será o gran aperitivo dunha programación que se prolongará ata o 15 de marzo e que inclúe desfiles, concursos e iniciativas pensadas para facilitar a conciliación laboral e persoal da veciñanza durante as xornadas do Entroido.

Un dos puntos fortes do programa será, como cada ano, o desfile, encabezado polo Galo Fodorico Agusto Bastante, o vindeiro domingo, día 23. Será entón cando se desvele o disfraz desta coñecida figura. A saía está prevista para as 17.00 horas desde a avenida da Porteliña, en San Salvador, e finalizará entre o cruce do Casal e Gráficas Anduriña, en San Xoán. Polo de agora, xa están confirmada a participación de varios grupos, ademais de comparsas e colectivos emblemáticos como Os Canecos, o Grupo Samieira, As Sonecas e os 100tolos. O Concello lembra que, pese a que o prazo xa se pechou para grupos, as persoas interesadas en participar nos certames de disfraces individual e de parellas aínda poderán anotarse entre as 15.30 e as 16.15 horas do propio día da cita, tanto en categoría de adultos como a programada para os máis cativos. En total, a organización repartirá máis de 3.700 euros en premios, que irán destinados aos mellores deseños destas opcións, ademais de para os grupos, para a mellor animación especial e choqueiros. As contías oscilarán entre os 280 e os 65 euros, en función das subcategorías. O xurado estará presidido pola concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, e por membros da Comisión de Educación, Cultura e Deporte.