fbpx

Poio, 19 de febreiro de 2020.- O Concello de Poio púxose recentemente en contacto coa empresa responsable dos traballos realizados na Avenida Doutor Martínez, na parroquia de San Xoán, para solicitarlle a reparación das deficiencias detectadas no firme, a raíz dunha actuación que consistiu, entre outras tarefas, na dotación de servizos e instalación de novas redes de pluviais e fecais. En principio, a idea é que estes novos traballos se leven a cabo unha vez rematado o inverno, para que as condicións meteorolóxicas non afecten.

O concelleiro de Urbanismo, Gregorio Agís, explicou hoxe que será necesario retirar o firme e realizar un novo aglomerado. O edil socialista adiantou que estas obras non suporán ningún custo a maiores para as arcas municipais, xa que no contrato firmado coa empresa concesionaria, Construcciones E. C. Casas S. L., contemplábase un prazo de garantía de 48 meses. A reparación realizarase ao longo do tramo no que se detectou a deficiencia e tamén ao ancho completo do vial. Para poder completar esta actuación é preciso que o firme actual “estea perfectamente asentado”, tal e como sinala Agís, que confía en que os traballos se poidan iniciar en poucas semanas.

A recepción das obras data do 19 de outubro do ano pasado. O orzamento da adxudicación ascendeu a 117.840,65 euros, IVE incluído.