fbpx

A presidenta da institución provincial mantivo unha reunión de traballo co grupo de Goberno, encabezado por Luciano Sobral, na que se falou da situación a que se atopa un proxecto que xa ten completas dúas das tres fases previstas.

Sobral e Silva coinciden en salientar a importancia de dar resposta a unha “petición histórica” da veciñanza.

Poio, 19 de febreiro de 2020.- O alcalde de Poio, Luciano Sobral, mantivo unha reunión de traballo coa presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que serviu para que tanto a máxima responsable do ente provincial como os membros do equipo de Goberno pasasen revista ao estado das obras do vial de Campelo, un proxecto do que xa se completaron con éxito dúas das tres fases previstas. A reforma serve para mellorar a estrada e reforzar a seguridade viaria en favor dos peóns. Tal e como lembrou Sobral, son varias as actuacións de relevancia que nos últimos catro anos, desde a chegada do bipartito á Presidencia da institución pontevedresa, se están desenvolvendo en Poio, entre as que se atopan, ademais da rehabilitación deste vial, a mellora do campo de fútbol da Seca ou a humanización do núcleo da Seara (esta última a través do Programa Deporemse).

No caso de Campelo, Sobral salientou que o desenvolvemento deste proxecto supón dar resposta “a unha demanda histórica, que viñamos reclamando desde hai máis de dez anos”, pero que “a anterior Deputación non se tomaba en serio, a pesar dos nosos esforzos e de que mesmo o Concello de Poio foi o encargado de elaborar o proxecto”. O líder do tripartito considera que o novo Goberno provincial motivou “un cambio, non só nas formas, senón tamén no que se refire ao reparto de achegas”, que agora “son máis equitativas e non atenden a criterios políticos, coma sucedía no pasado. Gañouse moito en transparencia”, engadiu, á vez que confirmou que, a través dos fondos provinciais, o Concello continuará apostando por facer realidade medidas que melloren a calidade de vida da veciñanza, así como para impulsar novas infraestruturas. Neste sentido, non hai que esquecer que o Goberno local aposta por incluír no Plan Concellos 2020 a rehabilitación do Pazo Besada e, a través da liña 3, contratar de xeito temporal a 24 persoas para reforzar o plantel municipal ao longo deste mesmo ano.

Pola súa banda, Carmela Silva definiu a obra de Campelo como “un exemplo de gran modelo de mobilidade peonil”. A presidenta da Deputación lembrou “durante moitos non se deu resposta ás peticións do Concello, feitas en nome dos veciños e veciñas, de realizar unha actuación importante. A nova Deputación apostou por facer realidade uns traballos que eran de xustiza, xa que este vial non ofrecía seguridade, mobilidade nin accesibilidade. Supuña un risco para as persoas. Era unha infraestrutura impropia do século XXI”. Silva lembrou que “en canto chegamos ao Goberno provincial, falamos co alcalde para poñernos mans á obra e, en apenas catro anos, esta actuación está a punto de ser unha realidade”.