fbpx

Nos últimos meses, desde o inicio do mandato, impulsouse a creación dunha mesa de traballo na que se analiza o labor desenvolvido pola empresa concesionaria, á que se lle realizou unha dedución de máis de 13.000 euros por non completar ao 100% tarefas vencelladas á recollida de envases entre os meses de marzo e maio do ano pasado.

O Goberno local respondeu favorablemente á petición realizada hai uns días pola adxudicataria para utilizar temporalmente un vehículo noutro concello, debido a unha avaría.

O Goberno municipal de Poio aposta desde hai varios meses por reforzar o seguimento da xestión da recollida de lixo, a través da posta funcionamento de varios protocolos, mediante os cales se analiza e pasa revista ás tarefas que desenvolve Valoriza, a empresa concesionaria do servizo, á vez que se vela polo cumprimento dos puntos establecidos no contrato. Unha das fórmulas que se vén desenvolvendo ao longo dos últimos meses (concretamente, desde o inicio do mandato vixente) é a convocatoria dunha mesa de traballo, na que, de xeito transversal e cunha periodicidade mensual, participan varias concellerías, entre as que se atopan Urbanismo, Obras e Servizos, Participación Veciñal e Facenda. Nesta mesa de control tamén están presentes representantes de Into Consulting SL, encargada de levar a cabo as auditorías sobre o funcionamento do servizo, e responsables da propia entidade encargada de acometer as tarefas en cuestión.

O equipo de Goberno, formado por BNG, PSOE e Avante Poio, ten como prioridade garantir o bo funcionamento desta prestación para todos os cidadáns. Deste xeito, nestas mesas de seguimento faise unha análise pormenorizada dos traballos de recollida de lixo e limpeza viaria, así como das melloras pendentes de implantación ou a verificación de que se cumpre coa normativa vixente en materia laboral. Ademais, esta metodoloxía tamén permite solucionar imprevistos, como ocorreu recentemente cando a empresa solicitou en tempo e forma o pertinente permiso para utilizar un dos camións cos que opera habitualmente en Poio noutro municipio, debido a problemas técnicos nun dos seus vehículos. Neste sentido, os dirixentes municipais explican que se lle deu o visto bopetición e lembran que “o Concello de Poio tamén ten potestade para facer esta solicitude en caso de que se dese a situación contraria”.

Por outra banda, a activación destes protocolos tamén serviu para constatar, por exemplo, unha serie de incumprimentos do contrato entre os meses de marzo e maio, nos que non se completaron na súa totalidade os traballos de recollida de envases. Este feito motivou unha dedución no pagamento do servizo que ascendeu a 13.643,80 euros. Ademais, nesta mesa de traballo tamén se avanza na posta en funcionamento doutros servizos comprometidos pola empresa, como a dotación dun Punto Limpo na vila, en cuxos trámites burocráticos xa se está avanzando. Ademais, desde o pasado mes de xaneiro ofrécese aos veciños un Punto Limpo móbil, que opera semanalmente en cada unha das parroquias do municipio.

Vindeiros Eventos

Sen eventos