fbpx




A actividade do Centro Comunitario de Compostaxe (CCC) emprazado na contorna de Ferreirós, no núcleo da parroquia de San Salvador, está a espertar cada vez un maior interese, non só entre a propia cidadanía, senón tamén entre a comunidade ecoloxista. Este é o caso de Amigos da Terra, un dos colectivos de referencia neste eido en Galicia, que na mañá deste venres participou nunha xornada divulgativa sobre o funcionamento do recipiente, na que tamén tomaron parte un gran número de veciños e veciñas da contorna. O colectivo compartirá o material gravado e as fotografías realizadas para dar unha maior difusión a todos os niveis do traballo que se realiza a través deste servizo. Cómpre lembrar que este composteiro xerou máis de 60 toneladas de compost reutilizable ao longo do ano 2021.

A tenente de alcalde e responsable do departamento de Servizos Municipais, a socialista Chelo Besada, estivo presente durante a actividade e aproveitou para interesarse pola experiencia na utilización do composteiro comunitario por parte das persoas alí presentes. “Estamos constatando un crecemento continuo deste servizo, o que fala ás claras do compromiso que existe entre a veciñanza á hora de preservar e respectar o medio ambiente mediante o tratamento e aproveitamento do compost”, sinalou a concelleira do PSdeG-PSOE. Ademais, a cita tamén serviu para que a mestra composteira do Concello, responsable da xestión desta instalación, tamén amosase á veciñanza a utilización dos novos caixóns para o almacenamento de estruturante instalados recentemente en Ferreirós, que garanten unha mellor conservación deste elemento, cuxa utilización resulta indispensable para a elaboración do compost.

Ademais, Besada apuntou que cada vez son máis as persoas que solicitan compost para a utilización nas súas hortas e macetas. “É un método natural moito máis beneficioso ca utilización de compostos químicos e, por ende, moito máis saudable e respectuoso co medio ambiente”, indicou a tenente de alcalde. Desde a súa inauguración en outubro de 2020, a alta demanda por parte da cidadanía fixo que a Concellería de Servizos Municipais apostase por ampliar o composteiro de Ferreirós, ademais de habilitar recipientes do mesmo tipo noutros emprazamentos da parroquia de San Salvador, como é o caso de Río Umia ou Valiñas.

Por último, a tenente de alcalde de Poio confirmou que está a piques de finalizar a tramitación previa á adquisición de máis de medio milleiro de composteiros individuais, que serán postos a disposición da veciñanza de xeito gratuíto. Está previsto que nas próximas semanas se proceda á adxudicación esta actuación, que servirá para dar resposta “á gran demanda deste tipo de recipientes que estamos a ter por parte de persoas que están interesadas en facer compostaxe pero que non poden desprazarse ata os centros comunitarios”, indicou Chelo Besada.

Cómpre lembrar que a dotación dos composteiros comunitarios realizouse grazas á adhesión do Concello ao Plan Revitaliza, impulsado pola Deputación de Pontevedra.