fbpx

A concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, deu hoxe a coñecer os detalles da Cabalgata Estática que protagonizarán os Reis Magos na súa visita a Poio o vindeiro 5 de xaneiro de 2022. A edil do Goberno local explicou que esta foi a fórmula alternativa, que substitúe ao percorrido habitual en tempos previos á pandemia da COVID-19, “pola que optamos desenvolver xa desde hai varias xornadas, en vista da situación actual, para garantir a seguridade e, ao mesmo tempo, ofrecer ás crianzas a posibilidade de saudar ás súas maxestades de Oriente”.

Ademais, a comitiva real virá á vila facendo referencia dun xeito especial ao mundo mariño, xa que está previsto que cheguen a Poio en tres ‘embarcacións’ moi especiais. O encontro realizarase na carpa aberta emprazada na Seca, onde xa se desenvolveron previamente diversas actividades da programación de Nadal “con todas as garantías de aforo, distanciamento, ventilación e seguridade”, indica Rodríguez Alonso. A concelleira do BNG lembra que a superficie conta con 1.000 cadrados de extensión e a infraestrutura mide seis metros de alto. Ademais, haberá un peche perimetral e levaranse a cabo os pertinentes controis nos acesos e saídas para evitar posibles aglomeracións. Melchor, Gaspar e Baltasar chegarán á Seca ás 17.30 horas para saudar ás crianzas, pero a actividade na carpa comezará antes, ás 16.30 horas, momento no que xa haberá animación, música, obradoiros e inchables.

A visita dos Reis Magos a Poio non se limitará á sesión de tarde, xa que pola mañá tamén se deixarán ver por todas as parroquias do municipio. Está previsto que as súas maxestades realicen un percorrido en automóbiles de época. A saída está prevista para as 11.00 horas desde as inmediacións do parque Rosalía de Castro, en Ferreirós. Desde aí, pasarán pola igrexa de San Salvador (11.20 horas), o parque de Costa Xiráldez de Lourido (11.40), a Praza da Granxa de Campelo (12.00), a Praza da Chousa de Combarro (12.30), a Praza Alfredo Romay de Samieira (13.00) e o porto de Raxó (13.20). Estes horarios son aproximados. En cada unha destas zonas haberá unha animación musical para dar a benvida aos Reis Magos. Unha vez completado este itinerario, a comitiva desprazarase pola PO-308 ata a Casa Consistorial, onde haberá unha recepción con saúda incluída.

A concelleira de Cultura non dubidou en amosar o seu agradecemento aos Reis Magos “por amosar a súa predisposición á hora de adaptarse ás circunstancias actuais” e garantiu que esta visita poderá ser gozada polas crianzas e pola veciñanza en xeral “cumprindo con todas as medidas e recomendacións das autoridades sanitarias”.

Suspensión doutras actividades

Por outra banda, Raquel Rodríguez tamén anunciou modificacións no que resta de programación de Nadal. Deste xeito, queda aprazado o Baile de Aninovo que estaba programado para o domingo 2 de xaneiro na sede da Comunidade de Montes de Combarro. Ademais, cómpre lembrar que hai uns días tamén se decidiu suspender as Badaladas de San Martiño, previstas para este xoves. “Confiamos en que en 2022 a situación sexa o suficientemente boa como para poder retomar as actividades de Nadal no seu formato habitual”, finalizou Rodríguez.