fbpx

A Casa Rosada acolleu este mércores a presentación do videoclip ‘Por un mundo mejor’, a obra composta polo cantante de Combarro Miguel Martínez. Trátase do tema co que o intérprete poiense participará no Festival Internacional de la Canción Santo Domingo Este, que terá lugar o vindeiro mes de febreiro. Inicialmente, esta previsto que o certame, no que toman parte preto de 20 países, tivese lugar en novembro, pero finalmente foi adiado por mor da pandemia da COVID-19.

A estrea do vídeo musical levouse a cabo durante a celebración do Encontro de Maiores, organizado pola Concellería de Benestar Social, na que o artista local ofreceu un concerto ás 60 persoas asistentes. A cita desenvolveuse con aforo limitado e cumprindo con todas as medidas sanitarias pertinentes. No acto estiveron presentes o alcalde, Luciano Sobral, e a concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez (BNG), así como a edil de Servizos Sociais, Rosa Fernández (PSOE). Tamén acudiu Juan Perdiz, xerente da empresa Funeraria San Marcos, unha das firmas, xunto a Supermercados Froiz, que patrocina a participación de Martínez no festival, ademais do departamento de Cultura.

O rexedor local quixo agradecer a Miguel Martínez o labor que realiza representando “con todo o orgullo e paixón ao noso municipio nos festivais nos que participa”, o que o converte “nun gran embaixador da nosa terra”. Sobral puxo como exemplo a gravación do vídeo, no que cobran protagonismo lugares emblemáticos do concello como o Casco Histórico de Combarro ou o Parque da Memoria da Seca. Tanto o alcalde como a titular de Cultura tamén se amosaron agradecidos polo feito de que parte da letra da canción fose composta en galego e desexaron ao artista local “o maior dos éxitos” no festival de Santo Domingo.

O videoclip pódese visualizar en YouTube e nas redes oficiais do certame (@ficsantodomingoeste). Dase a circunstancia de que unha das categorías do concurso premiará á peza que sume un maior número de ‘likes’, polo que desde o Concello se anime á cidadanía a amosar o seu apoio a Miguel Martínez unha vez se abra o prazo.