fbpx

A Aula Cemit de Poio pechará en decembro a súa actividade no 2021. Serán cinco os cursos formativos que se ofrezan, un número algo máis reducido con respecto a outros meses, debido ás festividades da Ponte da Constitución e a chegada do Nadal. A falta de coñecer o número de persoas inscritas nestas iniciativas, o responsable de xestionar as dependencias situadas na Escola do Campo de Combarro, Óscar Freire, fai un balanzo moi positivo da actividade rexistrada no presente ano.

En total, ofrecéronse ata 483 horas de formación, unha cifra moi similar á correspondente á de 2020. Neste sentido, hai que ter en conta que esta oferta desenvolveuse ao longo de oito meses, xa que as instalacións permaneceron pechadas pola situación sanitaria que se rexistrou a principios de 2021, por mor da expansión da pandemia da COVID-19. En concreto, a aula permaneceu sen actividade presencial desde xaneiro ata practicamente finais de abril. Foi por iso polo que se optou por ofrecer cursos vía telemática e ‘on line’, ata chegar ata as 65 horas de formación. A media mensual foi de máis de 60 horas de actividades nos meses nos que se puido retomar a actividade da Aula Cemit. Segundo os datos facilitados polo responsable dos cursos, nos mesmos participaron máis de 200 persoas de diferentes idades. A elas hai que sumar as que tamén foron asesoradas a través de consultas ou que fixeron uso da Aula Aberta, no horario previamente establecido.

En total, foron 89 os cursos desenvolvidos, todos eles de carácter gratuíto. Como xa é habitual desde a apertura destas instalacións, os ciclos versaron sobre o funcionamento e utilización de diferentes programas e aplicacións, tanto para persoas que se inician por primeira vez no uso de soporte informático como para usuarios e usuarias cun nivel medio ou especializado. Ademais, debido ao contexto derivado da pandemia, tamén se incidiu no uso de aplicacións para a realización de videoconferencias e charlas ‘on line’, ademais de manterse os cursos sobre utilización de procesadores de texto, uso de correo electrónico, compras a través de Internet ou creación de blogs, entre outros. A Aula Cemit, dependente da Xunta de Galicia, é un servizo que ten coma obxectivo garantir o acceso por parte da cidadanía ás novas tecnoloxías, tratando, deste xeito, de reducir a fenda dixital na sociedade.

Cursos en decembro

Con respecto á oferta do mes de decembro, as sesións pospóñense ata a finalización da Ponte festiva. Deste xeito, entre os días 9 e 10 haberá tres iniciativas distintas. A primeira delas será un obradoiro sobre escaneado de documentos e fotografías, de 16.00 a 17.30 horas. O xoves 9, ademais, de 17.30 a 19.30 horas, tamén se ofrecerá un curso sobre videoconferencias por Internet. No mesmo horario, pero xa o venres 10, cobrará protagonismo unha das grandes novidades da oferta mensual. Trátase dunha formación para a utilización da aplicación do Sergas en smartphones. A través deste programa as persoas teñen a posibilidade de acceder aos seus historiais clínicos, consultar ou solicitar citas e obter o Certificado COVID-19. Para iso, explicaranse a maneira de conseguir a Chave365 que se require para poder acadar este último documento.

Xa o luns 13, dará comezo o ciclo de uso do procesador de texto LibreOffice, para persoas de nivel medio, entre as 16.00 e as 17.30 horas, e que rematará o venres 17. Entre luns e xoves 16 tamén haberá un obradoiro sobre utilización de servizos na nube e GoogleApps, de 17.30 a 19.30 horas. Todas estas formacións realizaranse de xeito presencial, sendo necesario o uso de máscara e cumprindo con todas as medidas de aforo e distanciamento correspondentes. Por último, lémbrase tamén que en decembro o horario de Aula Aberta será de 19.30 a 21.00 horas, de luns a venres. As asociacións de Poio poderán facer uso das instalacións nese horario, sempre e cando pidan cita previa.