fbpx

A Concellería de Cultura impulsa un novo concurso ‘on line’ co que se busca “fomentar o espírito do Nadal e axudar tamén a dinamizar a actividade comercial e social durante estas datas tan emblemáticas”, tal e como sinala a edil responsable da área, a nacionalista Raquel Rodríguez. Trátase de ‘Decora o teu curruncho’, a través do cal se anima á veciñanza e ao tecido empresarial a adornar as fachadas das súas propiedades para, acto seguido, publicar fotos nas redes sociais. Aquelas instantáneas que reciban un maior número de ‘likes’ por parte dos seguidores e seguidoras levaranse premios para gastar en negocios locais, como comercio, hostalería ou salóns de peiteado, entre outros.

Segundo explicou a edil do Goberno local, a actividade permanecerá activa entre o 9 e o 15 de decembro e estableceranse dúas categorías diferentes do concurso, un para vivendas e outro para negocios. Á hora de subir as fotos a Facebook e Instagram, será necesario engadir o cancelo #DecoraoTeuRecuncho. Aquelas imaxes que obteñan un maior número de ‘likes’ serán premiadas con 100 euros (unha por categoría). Valorarase especialmente o feito de utilizar elementos naturais e de refugallo á hora de realizar os deseños, redundando, neste xeito, no espírito de concienciación medioambiental que se impulsa desde programas como Poio En Verde.

Desde a Concellería de Cultura anímase á veciñanza a tomar parte nesta iniciativa, cuxas bases poderanse consultar nos perfís oficiais de Poio É Cultura en Instagram e Facebook, así como na páxina web municipal. Deste xeito, estes ornamentos se sumarán ao alumeado de Nadal que xa se activará ao longo desta ponte festiva no municipio.