fbpx

O alumnado do CEIP Espedregada de Raxó participou na mañá deste venres nunha iniciativa pensada para concienciar ás crianzas sobre a importancia que teñen as árbores tanto para a natureza como para o noso futuro. Trátase de ‘O bosque na maleta’, unha actividade que está impulsada conxuntamente polos departamentos municipais de Medio Ambiente, Educación e Normalización Lingüística, e que forma parte do programa Poio En Verde, que fai fincapé na aposta pola concienciación e o impulso de iniciativas sostibles e respectuosas coa contorna.

A iniciativa foi realizada por ‘O Carballo con botas’ e incluíu varias actuacións, incluída a plantación na contorna do centro educativo de carballos. Ademais, os e as cativas tamén gozaron co contacontos ‘O bosque na maleta’. Precisamente, a todos e todas elas se lles fixo entrega dun obsequio que incluía un exemplar do libro co mesmo nome. Deste xeito, foméntase a implicación de toda a familia neste tipo de iniciativas.

A intención das concellerías responsables desta actividade é levala a cabo no futuro en máis colexios e centros educativos do municipio. Cómpre lembrar que, ao longo de todo o curso escolar, o Concello de Poio impulsa todo tipo de actuacións, obradoiros e citas que teñen que ver co respecto polo patrimonio e o medio ambiente, en materia de reciclaxe, compostaxe ou tratamento de especies arbóreas, entre moitas outras.